Publicador de contidos
Publicador de contidos

A DINA deixa dúas vítimas mortais en Castela-A Mancha, unha en Albacete e outra en Cuenca

A DINA deixa dúas vítimas mortais en Castela-A Mancha, unha en Albacete e outra en Cuenca

En Letur séguese buscando cinco persoas desaparecidas tras a riada que asolagou este martes o municipio

Servizos de urxencias traballan en Letur, Albacete (EFE/ Manu)
G24.gal 30/10/2024 10:40 Última actualización 30/10/2024 15:13

As choivas torrenciais que azoutan Castela-A Mancha desde este martes provocaron xa dúas mortes, unha en Mira (Cuenca) e outra en Letur (Albacete), onde continúa a procura de cinco persoas desaparecidas.

Arestora hai desprazados arredor de 300 efectivos de emerxencias repartidos entre estas dúas localidades, as máis afectadas da rexión pola depresión illada en niveis altos, en ambos os casos ao rebordar os ríos que atravesan os seus centros urbanos, causando inundacións catastróficas.

O centro de Letur quedou onte completamente asolagado por unha riada, e hoxe os veciños, moitos nun mar de bágoas, detallan á prensa que se buscan dous operarios municipais, un matrimonio en cuxa vivenda xa non queda nada e foi arrasada e polo menos a outra muller maior.

Esta mañá estivo alí o presidente autonómico, Emiliano García-Page, quen admitiu que o prognóstico sobre os desaparecidos é "moi negativo", aínda que mantén "a esperanza".

O presidente especificou que se está procedendo ao rescate de 19 persoas que están "localizadas" e "a salvo" nos seus domicilios, pero teñen que saír deles, e que se van seguir rastrexando os 5 quilómetros de arrastre que tivo o río en busca das persoas desaparecidas.

García-Page asegurou que o Goberno rexional estará "moi pendente" das tarefas de recuperación dos municipios afectados e vaticinou que serán "moi duras", en termos económicos e sociais.

Neste sentido, o Goberno rexional xa avanzou que pedirá a declaración de zona catastrófica en Letur e outras áreas afectadas.

Cinco familias pasaron a noite no albergue provisional de 60 camas que se instalou no CEIP Nosa Señora da Asunción.

Desde onte traballan en Letur unha ducia de militares do Mando de Operacións Especiais (MOE) do Exército español, máis coñecidos como os boinas verdes, que estaban de manobras na zona, e o Ministerio de Defensa enviará máis efectivos ao longo da xornada.

Esta tarde tamén está previsto que visiten Letur a ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez; e o líder nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo.

50 rescates en Mira

En Mira, onde se atopou o cadáver dunha muller de 88 anos, Castela-A Mancha pediu a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME) ao desatarse unha riada na madrugada do mércores, e ascenden a 50 as persoas rescatadas.

Unha residente narrou a EFE que "nunca se viviu algo así na localidade", xa que ao redor das tres da madrugada comezaron a ver como subía o nivel o río, "e que baixaban coches, televisores, mobles...", ata o punto de elevarse tres metros sobre o nivel da rúa.

(EFE) (EFE)

Entre as instalacións que quedaron asolagadas están a residencia de maiores da localidade, que tivo que ser desaloxada onte á noite, e o seu centro de saúde, polo que as urxencias están a derivarse ao ambulatorio de Cardenete, a trinta quilómetros.

Tanto en Letur como en Mira anulouse a actividade escolar, e no conxunto da rexión canceláronse dezasete roteiros escolares.

Entre as 00.00 horas do martes e as 10.00 horas do mércores rexistráronse 263 incidencias na rexión, segundo precisou a portavoz do Goberno autonómico, Esther Padilla.

Tamén se produciron numerosas afectacións no transporte. Segue suspendida a circulación ferroviaria entre Madrid e Valencia e hai tramos cortados na A-3 na provincia de Cuenca, así como outros cortes en distintas estradas provinciais e comarcais.

Unha das peores danas do século

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) sinalou que, polo seu impacto, esta dana está entre as tres peores deste século na rexión.

Así o trasladou a EFE o delegado da Aemet en Castela-A Mancha, Luis María Bañón, quen detallou que, aínda que se segue solicitando información e os datos non son exactos, puidéronse superar os 200 litros/m2 en poucas horas na zona de Letur.

E en Mira, a estación de medición automática da Aemet recolleu 174 l/m2 nas últimas 24 horas, que sumados ás precipitacións rexistradas nos últimos cinco días deixan xa un total de 219,6 l/m2 na zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade