Falece unha muller nun accidente de tráfico en Xermade
Falece unha muller nun accidente de tráfico en Xermade
O vehículo, en que viaxaba a vítima mortal e única ocupante, de 79 anos de idade, saíu pola marxe dereita da vía, segundo informou a Garda Civil
Unha muller de 79 anos de idade faleceu este luns nun accidente de tráfico no concello de Xermade. O accidente produciuse na estrada provincial 861 que une As Pontes e Vilalba, á altura da localidade de Candamil. A circulación estivo interrompida nun dos carrís mentres o guindastre procedía á retirada do vehículo accidentado.
Carmen, de 79 anos e veciña da parroquia xermadesa de Burgás, perdeu o control do coche por causas que se descoñecen polo de agora, e saíu da vía impactando contra unhas árbores. Foi contra as sete e media da tarde deste luns. Emerxencias recibiu varias chamadas alertando do accidente.
Os equipos sanitarios desprazados ao lugar do sinistro só puideron certificar o seu falecemento. Tamén acudiron no seu auxilio axentes da Garda Civil de Tráfico e bombeiros de Vilalba, que finalmente non tiveron que intervir.
A noticia do pasamento foi recibida con pesar polos veciños de Burgás, onde Carmen e o seu marido vivían dende hai varios anos. Pero tamén no concello veciño das Pontes, onde residiran con anterioridade. Era moi coñecida e apreciada pola súa implicación en múltiples actividades sociais.