Faltan pisos para alugar en Pontevedra e os prezos dispáranse
Faltan pisos para alugar en Pontevedra e os prezos dispáranse
As inmobiliarias calculan que as vivendas de alugueiro están un 30 ou 40 % máis caras que hai catro anos
Pontevedra súmase á listaxe de cidades en que falta vivenda para alugar. Nas inmobiliarias din que non teñen pisos para ofrecer e recoñecen que os poucos que aparecen saen ao mercado disparados de prezo.
É un problema compartido en moitos sitios, pero neste caso falan de Pontevedra. As inmobiliarias calculan que as vivendas de alugueiro están cousa dun 30 ou 40 por cento máis caras que hai catro anos.
Os prezos dispáranse pola falta de oferta. Así que as fabas contadas que chegan ao mercado, fano en condicións inéditas. Custa conseguir unha vivenda, e hai que destinar máis salario para mantela.
Non está declarada como zona tensionada para o alugueiro, pero din aquí que nunca viron en Pontevedra tal tensión do mercado inmobiliario.