Publicador de contidos
Publicador de contidos

Familiar do neno asasinado en Mocejón: "Non queremos que se criminalice a ninguén pola etnia"

Familiar do neno asasinado en Mocejón: "Non queremos que se criminalice a ninguén pola etnia"

"Nós, a familia, non temos sospeita de quen pode ser", afirmou Asell Sánchez, curmán da nai da vítima

Minuto de silencio en Mocejón tras o asasinato dun neno de 11 anos (Europa Press/Juan Moreno)
G24.gal 19/08/2024 12:26 Última actualización 19/08/2024 14:00

O portavoz da familia do neno apuñalado mortalmente en Mocejón (Toledo), Asell Sánchez, pediu que non se criminalice a ninguén "pola etnia, pola raza, pola cor, pola súa crenza" e que se deixe traballar a Garda Civil para atrapar o agresor.

"Nós, a familia, non temos sospeita de quen pode ser, e por iso non queremos que se criminalice a ninguén pola etnia, pola raza, pola cor, pola súa crenza. Están a saír moitas falsidades, moita desinformación. Queremos que se deixe traballar a Garda Civil e que cando a Garda Civil teña este indesexable, que nos diga: 'É este'. Independentemente de onde veña, de quen sexa, non o sabemos. Entón, si que pedimos moita prudencia e que non se criminalice a ninguén, porque son momentos moi duros os que está a pasar a miña familia", asegurou Sánchez nunha entrevista en Antena 3 recollida por Europa Press.

O neno, de 11 anos de idade, faleceu este domingo tras ser agredido cun obxecto punzante ás 10:00 horas mentres xogaba con outros compañeiros no campo de fútbol da localidade toledana de Mocejón. Nada máis ocorrer o suceso, ata o lugar desprazáronse médico de urxencias, un helicóptero sanitario e unha UVI, que só puideron certificar o seu falecemento.

Así mesmo, o portavoz da familia indicou que as familias de Mocejón "están consternadas, están con medo". "Todos teñen fillos ou teñen curmáns ou teñen sobriños ou netos e dálles medo, como é lóxico. Pero bo, hai que confiar na xustiza e na seguridade e que non volva ocorrer o que ocorreu á miña familia", apuntou.

Igualmente, Sánchez destacou nunha entrevista en Telecinco que se está buscando o sospeitoso, que segue en paradoiro descoñecido. "A Garda Civil é a que leva a operación gaiola xunto coa Policía Nacional. Están a facer todo o que poden. Están a peitear a zona, buscando con medios terrestres e medios aéreos, mesmo baleiraron unha canle e están a buscar polo río. E están a facer todo o posible para dar canto antes con este indesexable que onte esnaquizou a vida da miña familia", explicou.

En todo caso, Sánchez reiterou que "hai moita información que non está contrastada", aínda que engadiu que a cámara de seguridade dun veciño captou un posible sospeitoso e que esas imaxes están a investigarse.

Tamén este mesmo luns, en declaracións a medios, o portavoz da familia sinalou que o presunto agresor entrou pola parte traseira do polideportivo. "Pensamos que ten que ser alguén que coñecese que se podía entrar por ese camiño, porque é un camiño que se ti non es de aquí da vila non sabes que por aí se pode acceder ao polideportivo", destacou.

Respecto á situación en que se atopan os familiares do menor, Sánchez subliñou que están "desfeitos, sen entender o que está a pasar e tentando asimilar a traxedia". "A dor que ten a miña familia, que ten a miña prima, é incomprensible", concluíu.

Continúa a busca do asasino

A Garda Civil e a Policía Nacional manteñen o cerco sobre a localidade toledana de Mocejón. O rastreo intensifícase por terra e por aire, e os axentes buscan tamén o fuxido no río e nunha canle próxima á vila.

A batida policial esténdese por outras localidades da comarca da Sagra, á que pertence Mocejón.

O asasino accedeu ao recinto onde xogaban os nenos a través da porta traseira, que estaba rota, e segundo algunhas testemuñas antes intentou meterse cun grupo de rapaces maiores que compartían a pista cos máis pequenos.

O Xulgado de Instrución número 3 de Toledo decretou o segredo de sumario e concello de Mocejón tres días de loito oficial en sinal de dor polo pequeno asasinado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade