Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mecanizan os relicarios de Santo Estevo de Ribas de Sil

Mecanizan os relicarios de Santo Estevo de Ribas de Sil

Os traballos permitiron descubrir e restaurar as pinturas murais que había detrás

O templo conta xa coas réplicas dos aneis episcopais da idade media

Andrés Pavón/David Gil 03/10/2024 14:04

Aínda que construídos no século XVI, os relicarios da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil conteñen restos de bispos de hai mil anos. Pesan máis de 300 quilos cada un. Ademais, están situados a case catro metros de altura. Por iso, traballar con eles foi moi complicado. O obxectivo era mecanizalos para que se puideran mover e así restaurar e facer visibles para os visitantes as pinturas murais que levaban séculos ocultas.

"Había que cumprir coas normas de patrimonio, non danas as pinturas nin as pedras... todo regulado pero con comprobación continua.", explica Fernando de Bonrostro, arquitecto coordinador do proxecto.

A igrexa, situada no concello de Nogueira de Ramuín, é un dos templos máis importantes da Ribeira Sacra e un dos máis visitados. De aí que o traballo tanto cos murais como cos relicarios supuxera unha enorme responsabilidade para os encargados dos labores. Outro aspecto importante é que neste templo conviven manifestacións artísticas de moi diferentes épocas.

"Todos os restauradores traballamos cunha grande responsabilidade porque son pezas únicas. É unha mágoa que non se respecte máis esta cultura", sinala Vania López, a responsable da restauración.

Ademais, presentáronse as réplicas dos aneis de bispos medievais que se atoparon na igrexa, que os visitantes tamén poderán contemplar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade