Ángel de la Fuente: "En 2050, a fenda das pensións será de entre 55 e 60.000 millóns ao ano"
Ángel de la Fuente: "En 2050, a fenda das pensións será de entre 55 e 60.000 millóns ao ano"
O director executivo de Fedea (Fundación de Estudos de Economía Aplicada) ve insuficientes as medidas para incrementar os ingresos que recolle a proposta do Goberno e cre que en poucos anos será preciso acometer outra reforma
O director executivo da Fundación de Estudos de Economía Aplicada, Fedea, cuestiona a reforma das pensións presentada polo Goberno e consensuada con Bruxelas. Advirte Ángel de la Fuente que "en poucos anos imos ter que facer outra para desfacer o camiño andado con esta".
Nunha entrevista no Galicia por diante, Ángel de la Fuente explicou o informe elaborado por Fedea que calcula o impacto da reforma. Un documento que conclúe que as medidas presentadas polo Goberno para restablecer o equilibrio do sistema de pensións serán insuficientes e que calcula que en 2050 se precisarán anualmente recursos equivalentes a 4,5 puntos do PIB para o pagamento das pensións.
"Os ingresos que se conseguen coas medidas anunciadas polo Goberno son soamente sete décimas de punto do PIB, unha quinta parte dos gastos en pensións. Hai unha parte moi importante da fenda da seguridade social que non estará cuberta por ingresos adicionais", apuntaba.
Ángel de la Fuente calcula que unha vez entren en marcha todos os cambios, que van ser graduais, "en 2050, a fenda será de entre 55 e 60.000 millóns de euros ao ano".
O director de Fedea di que está sorprendido de que Bruxelas acepte a reforma presentada por España e cre que pode deberse a que hai "un compoñente de acordo político que non ten moito que ver coa factibilidade técnica".
Control do gasto en pensións
Ángel de la Fuente considera que a reforma das pensións debería recoller fórmulas para controlar o crecemento do gasto e non fialo todo aos ingresos. Destaca que habería que ir a unha fórmula para seguir "aumentando o tempo de cómputo das pensións sen permitir descartar aqueles dous anos peores".
Ademais rexeita que as pagas dos xubilados se revaloricen conforme o IPC porque "cunha inflación tan disparada coma a deste ano, sería momento de actuar dun xeito mais prudente exceptuando as pensións mínimas onde non hai moito marxe".
Críticas á cota de solidariedade ou o destope das cotizacións máximas
O director de Fedea cre que se hai que aumentar os ingresos debería de ser de xeito "máis equitativo e máis transparente" e lembra que a proposta da entidade é a dunha recarga da cota do IRPF para que a xente sexa consciente de a onde van os cartos.
"É un intento de cargalo todo á parte superior dos salarios. Non é equitativo porque concéntrase todo nunha parte pequena da poboación e tampouco ten moita marxe recadatoria porque nese segmento de masa salarial hai pouco diñeiro, da orde de 2,6 puntos do PIB. Aínda que se confiscara todo isto, non daría para pagar o incremento do gasto" apuntaba sobre a cota de solidariedade e o destope das cotizacións máximas.
Ángel de la Fuente considera que unha das medidas para asegurar o futuro das pensións pasa, entre outras cuestións, por aumentar a masa de asalariados e propón unha "política migratoria máis activa" e atraer, di, a "traballadores cualificados que acheguen ao PIB".