Feijóo anuncia un plan para a industria forestal que prevé mobilizar 140 millóns de euros
Feijóo anuncia un plan para a industria forestal que prevé mobilizar 140 millóns de euros
O presidente da Xunta visitou este venres a empresa de madeira laminada Xilonor
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este venres unha nova Axenda de impulso á Industria Forestal nunha visita á empresa de madeira laminada Xilonor, en Coirós (A Coruña).
Administración, empresas e universidades participan na Axenda de Impulso da Industria Forestal 2022–2024, na que a Xunta prevé mobilizar 140 millóns de euros, 58 deles públicos, para uns 700 beneficiarios. A madeira é clave para a transición verde. Está chamada a substituir ao plástico e ata o 30 % da fibra téxtil, ou ese é o obxectivo.
"A madeira pode ser o instrumento máis potente do rural, sendo conscientes de que o 94% do territorio galego é rural. Para Galicia o sector da madeira é unha esperanza dende o punto de vista industrial e para rendabilizar o noso territorio", dixo Alberto Núñez Feijóo.
Hai 3.000 empresas da madeira en Galicia que ocupan o 12 % dos traballadores do total da industria galega. Galicia é a novena potencia forestal da Unión Europea. Resistiu a crise da covid mellor ca outros sectores: foi onde menos ERTE houbo e as exportacións aumentaron o 27 % o ano pasado.