Publicador de contidos
Publicador de contidos

Atopar traballo con máis de 45 anos: "Sigo estudando e buscando emprego. Non me rendo"

Atopar traballo con máis de 45 anos: "Sigo estudando e buscando emprego. Non me rendo"

O 60 por cento dos desempregados galegos teñen máis de 45 anos

A eles vai dirixida a Feira de Emprego Sénior que organizou a Cámara de Comercio da Coruña

Participaron unha trintena de empresas cunha oferta de máis de cen postos de traballo

G24.gal 19/03/2024 14:15

Currículo en man chegan os aspirantes a esta feira do emprego sénior da Coruña. "Para almacén ou condutor de camión". "Sigo estudando e tratando de buscar emprego. Non me rendo", comentan dous participantes.

Son demandantes de emprego con formación, experiencia laboral e actitude, o que buscan a maioría das empresas.

"Buscamos xente con ganas de traballar, motivación... e cun perfil que encaixe". "Hai currículos que, de entrada, non che chaman a atención e, despois, falando con eles, chegas a ver características que non se poden ver nun papel", explican as responsables de Recursos Humanos de dúas empresas participantes na feira.

Pero moitas veces os seus currículos quedan excluídos dos procesos de selección pola idade.

"A min pasoume este verán, nun negocio grande, que me descartaron ao mes pola idade, aínda que xa facía todo o que me pediran", asegura unha das aspirantes.

Segundo os datos da Cámara de Comercio da Coruña, o 60 % dos desempregados galegos teñen máis de 45 anos. Con esta feira, en que participan unha trintena de empresas, con 100 postos de traballo e 350 demandantes de emprego, pretenden poñelos en contacto.

"Casar a oferta e a demanda de postos de traballo. Temos un servizo de orientación para orientar os demandantes de emprego cara a esas empresas que son máis axeitadas para a súa cualificación profesional", di Manuel Galdo Pérez, director da Cámara de Comercio da Coruña.

Quedaron fóra tanto empresas como demandantes de emprego, así que xa comprometeron unha nova edición para antes do verán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar