Felipe González e Mariano Rajoy reclaman na Toxa un pacto de política fiscal
Felipe González e Mariano Rajoy reclaman na Toxa un pacto de política fiscal
Os dous expresidentes volveron exhibir sintonía nunha conversa que xa é un clásico do Foro
A conversa entre os expresidentes é xa un clásico do foro. Por cuarta edición consecutiva, Felipe González e Mariano Rajoy intercambiaron impresións sobre actualidade política e económica. Desta volta marcada polo impacto da guerra da Ucraína. "Un tal presidente Rajoy diría: 'Vaia lea'", ironizou González. "E non mentiría", respondeu o aludido.
A primeira conclusión común: "Europa reaccionou razoablemente ben dentro deste mundo de incerteza", dixo o expresidente socialista. "Reforzou aqueles que eran partidarios de incrementar a unión coa OTAN, e aos partidarios dunha autonomía enerxética", resumiu o popular.
Un tempo de incerteza global con consecuencias económicas que esixen respostas. González avogou por "un pacto de rendas do tipo dos Pactos da Moncloa, onde impliquen políticas fiscais, que non disparemos como o exército de Pancho Villa, cada un por un lado". E Rajoy foi máis alá: "Eu creo que estamos camiñando a un modelo fiscal Frankenstein e preocúpame resucitar o vello debate ricos-pobres".
Unha hora de conversa que a Rajoy e González lles quedou escasa, e que remataron respondendo a unha última cuestión: cal debe ser o status dos expresidentes? Felipe González deu unha solución: "Que declaren illa independente do resto do mundo A Toxa". "Apóioo", respondeu Mariano Rajoy entre as risas dos presentes.