Ferido grave un home tras envorcar o seu coche en Vilardevós
O ferido é un veciño de Verín, de 32 anos. O accidente produciuse sobre as 05:50 horas deste sábado
Outro accidente, este o venres á noite en Barreiros, deixou dous homes feridos tras unha colisión entre dous coches
![](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250208/accidentevilardevos.jpg)
Un veciño de Verín, de 32 anos, quedou ferido de gravidade tras irse por fóra da vía e envorcar co seu vehículo na estrada OU-310, ao seu paso polo concello ourensán de Vilardevós.
O accidente produciuse sobre as 05:50 horas deste sábado e o condutor, o único ocupante do vehículo, tivo que ser evacuado en ambulancia ao hospital comarcal de Verín, segundo informou a Garda Civil.
O equipo de investigación de sinistros do subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense investiga as causas do accidente.
Feridos dous homes nunha colisión entre dous coches en Barreiros
Outro accidente de tráfico, este no quilómetro 565 da estrada nacional 634, San Sebastián-Santiago, á altura de Reinante deixou dous homes feridos. O sinistro produciuse ás 21:40 horas do venres e os feridos son os condutores de ambos os vehículos, un deles tivo que ser excarcerado ante a imposibilidade de saír do coche, segundo informou o 112 Galicia.
Os bombeiros de Barreiros foron os encargados de liberar o condutor atrapado no vehículo tras o impacto. Posteriormente o 061 trasladou a ambos os feridos ao hospital de Burela.