Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres detidos pola liorta de Ribeira que rematou cun mozo en estado crítico

Tres detidos pola liorta de Ribeira que rematou cun mozo en estado crítico

Foron arrestados en Tui, dous por tentativa de homicidio e un por encubrimento

A vítima, un mozo de 27 anos, recibiu dous disparos e dúas coiteladas

Restos de sangue no lugar dos feitos
G24.gal 21/05/2023 11:07 Última actualización 21/05/2023 21:43

A Policía Nacional detivo en Tui tres persoas pola pelexa que rematou este domingo cun ferido de bala en estado crítico no concello de Ribeira. Dous foron arrestados por tentativa de homicidio e outro por encubrimento.

Segundo fontes do caso, o suceso produciuse de madrugada, cando dous grupos, un integrado por persoas de nacionalidade dominicana e outro de orixe magrebí, comezaron unha liorta por motivos que non transcenderon.

O conflito comezou na zona do Malecón e despois continuou en varios puntos do centro de Ribeira. A investigación continúa aberta, polo que non se descartan máis actuacións.

Estado crítico

A vítima, un mozo de orixe magrebí de 27 anos, recibiu dous disparos e dúas puñaladas e nun primeiro momento foi trasladado ao hospital do Barbanza.

Tras ser derivado ao complexo hospitalario universitario de Santiago de Compostela, continúa ingresado en estado grave.

A vítima permanece en estado crítico no hospital Clínico de Santiago A vítima permanece en estado crítico no hospital Clínico de Santiago

Máis policías

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, demanda máis efectivos policiais para a Comisaría de Policía Nacional do municipio.

Segundo informa o concello nun comunicado, o rexedor mantivo o pasado martes unha xuntanza con representantes do Sindicato Unificado de Policía (SUP) e coincidiron na necesidade de ampliar o catálogo de postos de traballo nas dependencias policiais do concello, inaugurada hai un ano.

Neste sentido, o alcalde considera prioritario incrementar o número de patrullas na rúa e contar con efectivos especializados na loita contra o narcotráfico.

Tras o suceso desta madrugada, o Concello de Ribeira trasladou que se porá en contacto coa Subdelegación do Goberno para que convoque a xunta local de seguridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade