Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ferido grave un traballador logo de sufrir unha descarga eléctrica na vía do tren en Redondela

Ferido grave un traballador logo de sufrir unha descarga eléctrica na vía do tren en Redondela

A circulación férrea desde Vigo estivo interrompida "por actividade xudicial", segundo informou Renfe aos viaxeiros

G24.gal 23/05/2024 08:13 Última actualización 23/05/2024 14:26

Un operario da empresa Sacyr Neopul que estaba traballando na liña de alta tensión das vías do tren en Redondela está ferido en estado moi grave logo de sufrir unha descarga eléctrica esta mañanciña. 

Un particular alertou o 112 Galicia ás 03:30 deste xoves, segundo informa o servizo de emerxencias. Aínda se descoñece se a descarga se produciu pola manipulación da catenaria ou por outro tipo de elemento da circulación ferroviaria.

O traballador, de 24 anos, que realizaba labores programados de mantemento das instalacións de enerxía entre Redondela e Bifurcación Chapela (Vigo-Guixar), quedou inconsciente e foi outro compañeiro quen alertou os servizos de emerxencias. O 112 avisou ao 061, á Policía Local e Nacional e aos Bombeiros do Porriño.

Os bombeiros rescataron o home, que caera sobre a plataforma en que traballaba, a uns oito metros de altura sobre a vía do tren. Os sanitarios comezaron a reanimalo no punto e, finalmente, foi trasladado polo 061 ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. 

Por este motivo, a circulación férrea desde Vigo sufriu alteracións a primeira hora deste xoves "por actividade xudicial", segundo informou Renfe aos viaxeiros.

Os atrasos nos trens de primeira hora afectaron a dous servizos en 15 e 37 minutos, respectivamente. Renfe tamén confirmou que o AVE Avril con destino a Madrid, que partía sobre as 09:30 horas, si saíu puntual, tras os problemas dos últimos días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade