Tres homes quedan feridos nun aparatoso accidente na contorna de Melide
Tres homes quedan feridos nun aparatoso accidente na contorna de Melide
O coche foise da vía, bateu contra unha árbore e quedou partido en dous
Un milagre, asegura o persoal técnico que participou no rescate dos feridos, porque o coche no que viaxaban tres mozos, de entre vinte e un e vinte e cinco anos, todos eles veciños de Arzúa, quedaba completamente estragado despois de sufrir unha saída da vía.
"Tiveron moita sorte porque o impacto foi brutal. Ademais libraron por pouco dunha árbore de grandes dimensións, aínda que tocaron un pouco nela. Máis o impacto foi lateral, se chega a ser frontal poderiamos estar falando doutras consecuencias", relata o Xefe da Agrupación de Voluntariado de Protección Civil de Melide, Juan Carlos Curros, que interviu no rescate.
O accidente aconteceu esta madrugada á saída de Melide, na estrada que xunta Santiago con Lugo. O coche fóiselles pola beira esquerda, arrastrouse uns vinte metros pola terra ata que acabou batendo contra a vexetación e partido en dúas metades. Condutor e acompañante sufriron feridas leves, máis ao terceiro viaxeiro tiveron que rescatalo dos ferros os bombeiros de Arzúa.
"Dous deles foron trasladados en ambulancias ao Hospital Clínico de Santiago e o terceiro foi excarcerado polos Bombeiros de Arzúa, e despois evacuado nunha uvi móbil para o mesmo hospital", engade Juan Carlos Curros.
Horas despois outros dous vehículos accidentábanse na autovía que circunvala o aeroporto da Lavacolla, en Santiago de Compostela. Houbo un ferido leve. Protección Civil chama á precaución nos desprazamentos, especialmente nestes días en que as baixas temperaturas nocturnas dificultan a condución.