Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia: "A ciberdelincuencia move máis diñeiro que o tráfico de drogas"
Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia: "A ciberdelincuencia move máis diñeiro que o tráfico de drogas"
Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia: "A ciberdelincuencia move máis diñeiro que o tráfico de drogas"
Suárez apela á conciencia social para minimizar o impacto de ciberataques como o recente do Santander
O experto recomenda mudar contrasinais con frecuencia e prestar atención ás mensaxes de enxeñería social
Os efectos do ciberataque que sufriu nas últimas horas o Banco Santander, que filtraría datos persoais de clientes e de empregados da entidade financeira, centran a atención informativa.
Abordamos este asunto con Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñeiros Informaticos de Galicia, quen pon o foco no aumento deste tipo de delitos.
"Hai moitos intentos de ciberataques a sistemas críticos, bancos, administracións públicas ou sistemas enerxéticos, pero pofesionalmente estamos protexidos e moitos non prosperan. Con todo, debemos ser conscientes de que o elo máis feble é o que pretenden atacar, neste caso, un sistema externo, dun provedor".
O presidente do órgano colexiado aclarou que tras o ataque informático, o Santander está obrigado por lei a poñer sobre aviso a todos os afectados ante un posible filtrado de datos persoais. Ao tempo, trasladou que as entidades financeiras dispoñen de seguros que ofrecen cobertura ante incidentes como este. Aínda que habería que comprobar cada caso en particular, explica, de se demostrar que a "fenda de seguridade" non é responsabilidade do usuario, este podería reclamar unha indemnización por danos.
Suárez apela á cidadanía a extremar as precaucións nun contexto en que dixitalización abrangue todos os ámbitos. Recomenda mudar contrasinais con frecuencia, prestar atención e moita calma antes de responder ás mensaxes de enxeñería social, cada vez máis perfeccionadas coa fin de recadar datos persoais. En caso de dúbida, engade, consultar coa entidade emisora, como neste caso, un banco, para contrastar a veracidade das mensaxes.
Traslada Suárez que o motivo principal dos ataques informáticos son os cartos, que os hackers pretenden obter directamente da entidade bancaria ou vendendo os datos a terceiros. O presidente do Colexio de Enxeñeiros Informáticos fala da ciberdelinciencia como unha das mafias internacionais máis potentes a nivel internacional.
"A ciberdelincuencia move máis diñeiro hoxe que o tráfico de drogas. É unha mafia perfectamente organizada", destaca.
Fernando Suárez advirte que as consecuencias deste tipo de accións non son inmediatas e que dar coa súa orixe resulta complexo. Ao tratarse de delitos que se cometen en Internet poden iniciarse en calquera parte do mundo e pasar por varios países ata acadar o seu obxectivo. Con todo, subliña, as autoridades están cada vez máis concienciadas na persecución da ciberdelincuencia, que aumenta ao tempo que o fai o uso das tecnoloxías.
"Economicamente é un negocio moi rendible, move moitísimo diñeiro e está moi organizada, polo que compre conciencia social, formación e capacitación da sociedade para minimizar o seu impacto", remata.