Ferrol avanza no proxecto de abrir a cidade ao mar
Ferrol avanza no proxecto de abrir a cidade ao mar
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou a primeira fase das obras en que se están a investir máis de 15 millóns de euros
Máis zonas verdes, máis espazo para o estacionamento disuasorio e zonas exclusivas para peóns e ciclistas. Ferrol avanza na nova fachada marítima da cidade. O primeiro paso, a renovada avenida do Porto, un proxecto de case catro millóns de euros que está practicamente rematado.
Francisco Barea, presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol: "Seguimos desenvolvendo o que ten que ser o futuro do Porto que é abrilo á cidade. Esta primeira fase é un claro exemplo".
O proxecto Abrir Ferrol ao Mar permitirá unir toda a fachada marítima de Ferrol desde A Malata ata Caranza. Estará completado en pouco mais de dous anos e suporá unha reivindicación histórica dos ferroláns: eliminar a Barreira do Arsenal Militar.
"Abrir Ferrol ao mar durante moito tempo foi un soño de moitas xeracións de ferroláns. Hoxe ese soño é xa unha realidade", asegura José Manuel Rey, alcalde de Ferrol.
A nova imaxe da cidade xa se está traducindo nun aumento de visitantes, un 45 % máis no que vai de ano. Unhas boas cifras de ocupación turística que di o presidente Rueda que se suman ao resto de Galicia neste verán.
"Estamos batendo marcas de visitantes. Non só no verán. Estamos conseguindo o obxectivo de desestacionalizar e que cada vez máis xente nos visite outros meses do ano. Ese é o camiño", di Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia.
O proxecto Abrir Ferrol ao Mar, no que participan a Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol e a Autoridade Portuaria prevé un investimento de máis de 15 millóns de euros.