Ferrol-Ribadeo, sen trens do 10 ao 30 de abril por obras
Ferrol-Ribadeo, sen trens do 10 ao 30 de abril por obras
Tamén haberá obras de reparación na estrada N-642 entre Burela e Ribadeo
Adif avanzou que establecerá un plan alternativo de transporte por estrada
Adif anunciou que as obras de automatización dos sistemas de regulación no tramo de Ferrol a Ortigueira obrigarán á supresión do servizo entre Ferrol e Ribadeo, do 10 ao 30 de abril próximos, período en que se activará un plan especial de transporte alternativo para os seus usuarios.
Nun comunicado, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias sinalou que un investimento estatal de máis de 15,5 millóns de euros permitirá a "supresión do bloqueo telefónico e a nova configuración de vías das principais estacións do tramo, coa creación de dúas novas en Moeche e Ponte Mera".
Como resultado dos traballos de automatización dos sistemas entre Ferrol e Ortigueira, un treito que alcanza os 53 quilómetros, o seu renovado tendido integrarase na liña da cidade ferrolá á localidade asturiana de Pravia.
Aínda que as tarefas afectan o tramo Ferrol-Ortigueira, Adif precisou que a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia solicitou que o corte se estenda ata Ribadeo "para levar a cabo obras de reparación na estrada N-642 entre Burela e Ribadeo".
A vía, engadiu, "discorre paralela á vía do ferrocarril" e o seu arranxo "afecta a unha drenaxe transversal de uso conxunto", polo que aludiu a unha actuación de "envergadura".
En todo caso, o organismo público resaltou que logrou "reducir o corte do tráfico ferroviario a un máximo de 21 días con obxecto de minimizar as molestias aos usuarios".
Ao mesmo tempo, Adif avanzou que establecerá un plan alternativo de transporte por estrada "para todas as circulacións en ambos os sentidos entre Ferrol e Ribadeo" para "garantir a continuidade do servizo".
Deste xeito, apostilou que nas propias "estacións poderanse consultar os horarios, que poden sufrir algunha variación con respecto á hora de saída habitual dos trens, así como as referencias dos puntos de parada naquelas que non sexan na mesma localización" e sinalización e horarios nas paradas de bus habilitadas.