Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ferrovial logra o apoio dos accionistas para levar a súa sede a Países Baixos

Ferrovial logra o apoio dos accionistas para levar a súa sede a Países Baixos

Será a primeira empresa española que cotice coas súas accións ordinarias nun índice da bolsa de Nova York

Na empresa din que hai un impacto fiscal neutro e que é un paso natural para poder competir contra os xigantes das infraestruturas

G24.gal 13/04/2023 07:36 Última actualización 13/04/2023 20:57

A xunta de accionistas de Ferrovial apoiou cos seus votos o traslado da sede social do grupo de España aos Países Baixos, malia ao forte rexeitamento que suscitou no seo do Goberno e permítelle dar un paso máis cara ao seu obxectivo final de debutar en bolsa coa súa matriz nos Estados Unidos. 

A compañía que preside Rafael del Pino, primeiro accionista do grupo cun 20,4 %, logrou así os apoios necesarios para sacar adiante o seu proxecto de fusión trasfronteiriza, pola que Ferrovial pasará a ser absorbida pola súa filial holandesa FISE, que desde hai tempo é a cabeceira do negocio internacional do grupo.

Con todo, o éxito desta operación aínda depende de que os dereitos de separación que desexen exercer os accionistas que votaron en contra deste traslado non superen os 500 millóns de euros, o que equivale a arredor do 2,5 % do capital.

Nesta segunda convocatoria, os accionistas presentes e representados na xunta ordinaria, que arrincou pasadas as 12:30 desta mañá, aglutinaron o 77,6 % do total do capital social e sacaron adiante os 13 puntos da orde do día.

Ante a xunta de accionistas, o presidente de Ferrovial asegurou que o traslado da sede social da compañía aos Países Baixos "non se fai por motivos fiscais", xa que "os impostos que pagará Ferrovial despois da operación serán semellantes aos que está pagando antes de realizala".

Rafael del Pino asegurou que o obxectivo do traslado é cotizar nun prazo breve na bolsa de Nova York, facéndoo antes na de Amsterdam. Saltar ao parqué estadounidense, directamente dende España, sería un "camiño incerto", di o empresario.

Pero o Goberno español rexeita estes argumentos. A ministra de Facenda, María Jesús Montero, insistiu en que "non hai ningún inconveniente na lexislación para poder cotizar nos Estados Unidos", polo que insta a Rafael del Pino a dar a coñecer "os outros motivos, as razóns que levan a esa empresa, despois de ter gozado durante tantos anos das vantaxes que achegaba estar ubicada neste país e da contratación pública".

Pero a compañía insiste en que "Ferrovial non marcha de España", xa que manterá a actividade, o emprego, os proxectos, o plan de investimentos e a cotización na bolsa española.

O Goberno asegura que respecta a decisión de Ferrovial pero non a comparte. Para Félix Bolaños, ministro da Presidencia, "é unha decisión estraña e a contracorrente, dado que España é o país que mellores perspectivas económicas ten da UE e, ademais, estamos en cifras récord de investimento estranxeiro en España".

Para o Partido Popular, trátase dunha mala noticia, froito, din, das políticas do Goberno de Pedro Sánchez. "Dende o insulto, dende o menosprezo e dende o sinalamento ás empresas, non se soluciona nada" dixo o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, ao tempo que instaba o executivo a "dialogar" e "sentar coas empresas".

De cumprirse o seu obxectivo, Ferrovial sería a primeira empresa española que cotice coas súas accións ordinarias nun índice da bolsa de Nova York.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade