Ferrovial, a primeira empresa española que cotiza en Wall Street
Ferrovial, a primeira empresa española que cotiza en Wall Street
A partir de agora, as accións de Ferrovial cotizarán simultaneamente en España, nos Estados Unidos e nos Países Baixos
O presidente de Ferrovial e fillo do seu fundador, Rafael del Pino, tocou este xoves a tradicional campá que marca o inicio da cotización dunha empresa en Bolsa, neste caso en Wall Street, e mostrouse "orgulloso" de que a súa sexa a primeira empresa española do Ibex 35 en cotizar tamén nos Estados Unidos.
"Estamos orgullosos de selo. É un fito moi importante para unha empresa fundada nun pequeno ático de Madrid en 1952 que debutou na Bolsa española hai xa 25 anos; demostra o noso compromiso co mercado norteamericano", dixo xusto antes de tocar a campá, neste caso dixital, lixeiramente emocionado.
Del Pino defendeu que "a aventura estadounidense" de Ferrovial comezou hai máis de 20 anos e que iso a fixo ser "unha das empresas de infraestruturas máis importantes do mundo", que opera actualmente en Texas, Virxinia, Carolina do Norte e Nova York dentro do mercado estadounidense.
"E esperamos ampliar significativamente a nosa actividade nos próximos anos no país. Quero agradecer ao equipo de Ferrovial, pasado e presente, tantos anos de traballo e dedicación. Sen eles, non estariamos aquí hoxe celebrando esta cerimonia", engadiu no seu breve discurso.
A compañía pecha así un dos principais obxectivos fixados nos últimos anos e tras o cambio de sede social aprobado o pasado ano, que supuxo o traslado de Madrid a Ámsterdam, en liña co seu plan estratéxico de incrementar a súa actividade nos Estados Unidos.
En concreto, as accións ordinarias de Ferrovial xa empezaron a cotizar en Nasdaq Global Select Market (Nasdaq) este xoves ás 15:30 hora española, tras a apertura do mercado estadounidense co símbolo FER.
A partir agora, as accións de Ferrovial cotizarán simultaneamente nos Estados Unidos, Países Baixos e España. Segundo a primeira información que aparece no Nasdaq, o primeiro prezo de inicio das accións foi de 45 dólares por acción, chegou despois aos 47 dólares. Con todo, minutos máis tarde caeu aos 40,8 dólares por acción.