Rueda aborda con Filipe VI os retos de Galicia e trasládalle o "cariño" do país
Rueda aborda con Filipe VI os retos de Galicia e trasládalle o "cariño" do país
O presidente da Xunta convidou ao rei a visitar Galicia para a festividade do Apóstolo e como peregrino para facer o Camiño
A cita enmarcábase nos encontros que o rei mantén cos presidentes autonómicos unha vez que asumen o posto
Rueda insiste na urxencia de reunirse con Sánchez para tratar os problemas de Galicia
Filipe VI recibiu este venres o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no Palacio da Zarzuela con motivo da súa toma de posesión no cargo o pasado 14 de maio en substitución de Alberto Núñez Feijóo.
A cita enmárcase nos encontros que o rei mantén cos presidentes autonómicos unha vez que asumen o posto. “Benvido”, dixo don Filipe a Rueda ao saudalo no Salón de Audiencias, onde posaron para os medios gráficos antes de pasar ao seu despacho para manter a charla.
Tras a xuntanza, o presidente da Xunta agradeceu ser recibido polo rei, a quen lle transmitiu as principais preocupacións que agora mesmo ten o goberno galego. Rueda dixo que Filipe VI "estaba moi ben informado de cal é a nosa realidade".
"Agora mesmo temos uns retos moi importantes por diante. Veñen uns meses moi complicados", asegurou Rueda.
Incidiu o presidente da Xunta en cuestións económicas como a inflación, como principal preocupación, pero tamén con horizonte dos fondos europeos como grande oportunidade de recuperación.
Convite ao rei
Alfonso Rueda tamén lle trasladou a Filipe VI a invitación para que visite Galicia con motivo deste ano Xacobeo. Destacou Rueda o papel do monarca español de embaixador de honra do Camiño de Santiago.
Deste xeito, tanto o convidou a realizar un treito da Ruta Xacobea como a estar presente en Santiago o próximo 25 de Xullo, con motivo da celebración do día do Apóstolo e da festividade do Día Nacional de Galicia.
Á espera da xuntanza con Pedro Sánchez
Destacou tamén o presidente da Xunta que logo desta visita queda pendente a xuntanza que lle solicitou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
"Pasaron máis de 50 días desde que se pediu, e neste tempo os problemas non só se solucionaron senón que máis ben se agravaron, e as solucións, en parte delas, dependen do Goberno central", asegurou Alfonso Rueda.
Alternativa proposta para a A-6
Un dos temas que tamén se tratou na xuntanza con Filipe VI foi a situación derivada da derruba do viaduto da A-6. Logo da reunión deste xoves, en que o Ministerio de Transporte propuxo unha alternativa mentres non se repara a ponte, Rueda asegura que "seguimos sen saber porque caeu o viaduto, seguimos sen saber os prazos de reconstrución e o que se nos propuxo foi unha alternativa decepcionante".
"É unha solución só para un sentido, non soluciona o paso por Pedrafita e os transportes especiais seguen sen poder pasar", afirmou o presidente da Xunta.
Por último o presidente da Xunta tamén se referiu á situación da sanidade, que tratou co rei nesta xuntanza, e dixo que "non hai problema en dar a información que sexa necesaria", referíndose á solicitude presentada polo BNG para que se celebre un pleno urxente sobre este tema no Parlamento.
Non obstante, Rueda asegurou que as tensións "son comúns a toda España, e as solucións estarían nas mans do Goberno central". Dixo que en Galicia se tomaron decisións para mitigar o problema, pero as "solucións estruturais non dependen de nós, se non xa estarían tomadas".
Por último, Alfonso Rueda referiuse á sentenza do Tribunal Constitucional que rexeitou o recurso da Xunta contra a Lei do cambio climático. Rueda dixo descoñecer o detalle desa decisión, pero insistiu en que o seu Goberno cre que é factible manter unha xestión do litoral que permita a actividade económica e a preservación do medio, e que a Xunta podería asumir esa competencia.