Publicador de contidos
Publicador de contidos

Filloas e orellas, os doces de maior demanda no Entroido

Filloas e orellas, os doces de maior demanda no Entroido

A suba do custo dos ingredientes encarece os prezos 

Imaxe nunha pastelería preparando un pedido de filloas e orellas de Entroido
G24.gal 16/02/2023 11:45 Última actualización 16/02/2023 12:07

Cando de sobremesa se trata, o Entroido trae uns clásicos en que a mestura de ovo, fariña e azucre proporciona tentacións para o sentido do gusto como as desta pastelería de Bertamiráns, en Ames.

"As rosquillas, as filloas, as orellas..., e mesmo temos unha oferta salgada: a empanada de lacón con grelos", di Nerea Rodríguez, da panadería Xallas.

Son os clásicos máis estendidos e que gozan dunha aceptación xeneralizada, pero hai dous que sobresaen.

As filloas e as orellas son as preferidas, polo que nos contan catro persoas que están a facer a compra na panadería.

Partindo de produto de boa calidade complétase o proceso cos matices; que se menos azucre, que se neutras, que se con toque de sal. En consecuencia, gustos variados, e o mesmo se falamos de prezos: este ano novidade polas subas dos ingredientes.

"As filloas, por exemplo, subiron do ano pasado a este dez céntimos, e as orellas igual. O segredo eu creo que está na man e no artesanal que se faga. Nós somos panadeiros por tradición desde hai 50 anos e tentamos seguir esa tradición sen cambialo moito; sen moitas innovacións, porque ao final o que gaña é o produto de hai 50 anos", di Nerea Rodríguez.

E así, outro ano estamos entre filloas, orellas, bicas, rosquillas... completando a tradición gastronómica que alimenta e alegra o padal no Entroido que, como todas as festas con protagonismo gastronómico sempre van acompañanda de boa demanda dos clientes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade