Fin de semana de arranque da precampaña
Fin de semana de arranque da precampaña
Sánchez en Sevilla e Feijóo en Zaragoza abren a loita cara ao 28M
O novo Ciudadanos, aberto a pactos con todos
Co 28M no horizonte, o PSOE reuniu este venres a súa executiva federal. Acudiron tamén os 17 ministros socialistas, unha imaxe inusual para reforzar a mensaxe de coordinación entre a Moncloa e Ferraz.
Os socialistas traballan coa hipótese de que un eventual revés do PP nas municipais e autonómicas force a remuda anticipada de Alberto Núñez Feijóo.
María Jesús Montero, vicesecretaria xeral do PSOE, espera que "se é un plebiscito, actuará en consecuencia se non conseguen os resultados desexados. E xa lles digo eu que non os van conseguir porque o Partido Socialista sae a gañar, e non só a revalidar as maiorías que ten".
Pedro Sánchez estará este sábado en Sevilla, alcaldía que o PSOE aspira a revalidar. Núñez Feijóo participará en Zaragoza nun acto cos seus 12 candidatos autonómicos.
O tiro de saída da precampaña coincidirá coa asemblea da refundación de Ciudadanos. Vaise aprobar a nova estratexia do partido que agora lidera Patricia Guasp, que admite que foi un erro dar preferencia ao PP nos pactos.
Guasp explicou que "Ciudadanos, un partido de centro liberal, non pode partir con socios preferentes nunha cita e, en canto aos pactos de goberno postelectorais, non vai haber ningunha consigna a nivel nacional".
A semana que vén o partido anunciará o novo organigrama, en que xa se sabe que Inés Arrimadas seguirá como voceira no Congreso.