Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fin de semana sen tren na Coruña e con servizo de autobús ata Santiago

Fin de semana sen tren na Coruña e con servizo de autobús ata Santiago

Renfe programou máis de 250 viaxes por estrada para garantir o servizo dos viaxeiros da Coruña, Ferrol e Betanzos

Os viaxeiros sabían da modificación do transporte cando sacaron o billete que xa garantía a conexión cara aos destinos finais 

G24.gal 21/09/2024 14:19 Última actualización 21/09/2024 16:39

Os pasaxeiros que esta fin de semana tiñan previsto empregar o tren para ir ou volver á Coruña, Betanzos ou Ferrol están facendo o percorrido ata Santiago en autobuses por mor das obras na estación de San Cristovo.

Cos mesmos horarios, os mesmos billetes e nas dúas direccións, os viaxeiros poden enlazar na estación compostelá cos trens de destino que tiñan previsto. 

O percorrido por estrada dos viaxeiros que chegan da Coruña ata Santiago durou hoxe algo máis do habitual polas vías pero desde que sacaron o billete estaban informados das obras na estación e dos novos horarios desta fin de semana con tal motivo. 

"Vou cara a Vigo. Fixemos o percorrido no autobús pero está todo ben controlado, a condutora do autobús tamén moi atenta", di unha viaxeira.

"É algo incómodo porque durou o dobre de tempo pero son dous días. Son peores os atrasos habituais de Renfe, pero este servizo é cómodo", asegura outra.

Os viaxeiros que chegan a Santiago e teñen como destino a Coruña, Ferrol ou Betanzos son conducidos pola plataforma para coller os autobuses con destino á Coruña e destino a Ferrol que sairán á hora que marca o billete.

"Veño de Vigo cara a Ferrol. Comprei o billete o xoves e xa advertía de que este traxecto se facía en autobús. Polo que nos dixo a operaria de Renfe en tempo imos chegar antes no bus ca se foramos no tren, entón fenomenal", detalla outro viaxeiro

Ata a reapertura da estación pechada polas obras para modernizar os sistemas de sinalización e comunicación, os autobuses cubrirán máis de 250 viaxes, incluídas as de primeira hora do luns. Prevese que despois a circulación ferroviaria volva xa á normalidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade