Formalizado o contrato para redactar o estudo da saída ferroviaria sur de Vigo
Formalizado o contrato para redactar o estudo da saída ferroviaria sur de Vigo
O estudo, contratado por 884.207 euros, deberá estar executado en 18 meses
O Eixo Atlántico ve viable que esta saída ferroviaria estea lista para 2030
O Ministerio de Transportes formalizou esta semana o contrato para o estudo informativo da saída ferroviaria de Vigo cara á fronteira con Portugal. Este domingo falamos co responsable do Eixo Atlántico para ver cales son as súas previsións en relación a esta infraestrutura e outras obras pendentes nos próximos anos.
A Plataforma de Contratación do Estado anunciaba o venres o contrato de 884.207 euros para a elaboración do estudo da saída ferroviaria sur de Vigo que deberá estar executado en 18 meses.
O goberno portugués xa anunciou a principios de ano que a liña no seu país estará lista para 2030. Desde o Eixo Atlántico confían en que nesa data estea tamén realizada esta saída ferroviaria cara a Portugal pero faltaría aínda a liña norte, tal e como asegurou o seu secretario, Xoán Vázquez Mao.
"Si vai estar. A comisaria europea cando di que non vai estar ata 2040 dío porque le os papeis que lle pasan. A liña en Bruxelas chámase Ferrol- fronteira portuguesa. E mentres Ferrol-A Coruña non estea, para Bruxelas non está rematada. Ese é o problema. Agora, pódese facer a saída sur de Vigo ata Valença ata o ano 2030, pódese facer perfectamente".
Ante as próximas eleccións xerais o Eixo Atlántico insiste en que seguen pendentes infraestruturas fundamentais para o desenvolvemento económico de Galicia, tanto do corredor Atlántico como doutras vías de comunicación por estrada.