Formoso atribúe o avance da dereita en España á inflación e a erros do Goberno
Formoso atribúe o avance da dereita en España á inflación e a erros do Goberno
O secretario xeral do PSdeG confía en reverter os prognósticos das enquisas que auguran o avance da dereita e da ultradereita o 23 de xullo
O secretario xeral dos socialistas galegos confía en reverter os prognósticos das enquisas nas próximas eleccións xerais, que auguran un avance da dereita. Nunha entrevista no Galicia por diante, Valentín González Formoso dixo que traballan para que a cidadanía sexa consciente do perigo que suporía a chegada da dereita e da ultradereita ao Goberno:
"Que sexa capaz de visualizar que un goberno composto por PP e Vox vén impoñer un modelo que ten que ver co recorte dos nosos dereitos. No ámbito das pensións públicas, dos dereitos laborais e civís...".
Sobre as causas que propiciaron o avance da dereita en España nos pasados comicios municipais e autonómicos, Formoso apunta:
"O presidente do Goberno recoñeceu erros, pero non podemos esquecer que levamos anos moi duros, anos de pandemia que supuxeron unha tensión social importante. Por outra banda, está claro que a guerra de Ucraína tensionou a vida dos cidadáns no ámbito económico con subas sen parangón na enerxía, na cesta da compra, agora cos prezos das hipotecas... que fan que moitísima xente se estea empobrecendo".
O líder dos socialistas falou tamén sobre os pactos postelectorais en Galicia co BNG, reiterando que os gobernos de coalición dependen de cada agrupación local. Sobre o sucedido en Ourense, Formoso volveu responsabilizar o PP de darlle a alcaldía a Gonzalo Pérez Jácome para poder manter a Deputación e insistiu en que os socialistas non fan "cambios de cromos":
"O PP coloca un esperpento político na alcaldía de Ourense e faino cun acordo por escrito para manter unha política vencellada ao baltarismo na Deputación, aínda sen Baltar. Aquela frase de Alfonso Rueda en maio onde dicía que non pactaría con Jácome quedou pulverizada pola realidade".
Valentín González Formoso non quixo adiantar se concorrerá ás primarias para ser candidato do PSdeG á Xunta o próximo ano. Lembrou que as primarias están fixadas para setembro e que o partido está centrado agora nas eleccións xerais do 23 de xullo.