Publicador de contidos
Publicador de contidos

Millán Mon avoga por unha reforma lexislativa que prohiba os escanos rotatorios en Europa

Millán Mon avoga por unha reforma lexislativa que prohiba os escanos rotatorios en Europa

O europarlamentario electo do PP critica ao BNG por non explicar que tiña que repartir o tempo con ERC

Confía en que nesta lexislatura haxa un comisario de pesca específico como comprometeron os populares en campaña

G24.gal 18/06/2024 09:49

O europarlamentario electo do PP, o galego Francisco Millán Mon, propón unha reforma lexislativa para acabar cos escanos rotatorios como o que compartirá o BNG con ERC neste nova lexislatura do Parlamento europeo. 

Nunha entrevista no Galicia por diante, o popular acusa os nacionalistas galegos de "ocultar a verdade" e de cometer "fraude". Afirma que "non explicaron que o escano de Ana Miranda ía ser a tempo parcial e non explicaron o pacto de repartición dos tempos antes dos comicios. Non houbo transparencia por parte do BNG nestas cuestións. A lexislación debería cambiar e acabar así con este tipo de prácticas". 

Millán Mon confía en que nesta lexislatura se materialice o compromiso do PP de contar cun comisario de pesca específico, independente de agricultura. Así lembrou que "foi unha idea do PP español que fixo súa o PP europeo. Ursula Von der Leyen anunciouno no Pino. Gustaríame que se cumpra e deste xeito non se produza esa hipertrofia, esa esaxeración dunha deriva medioambientalista radical e que pospón os intereses e as dimensións económicas e sociais da pesca". 

O europarlamentario electo destacou os bos resultados do PP español e galego nos comicios do 9 de xuño e conclúe que "o electorado sabe quen traballa por el en Europa".

Lembrou que son a segunda delegación máis numerosa dos populares europeos algo que, segundo dixo, terá reflexo nas institucións. Afirmou que "contar cunha maior presenza é unha garantía de que os temas que nos preocupan como españois e galegos teñen atención prioritaria por parte do todo o grupo parlamentario popular europeo". 

Porán o foco no sector primario e a industria

Así destacou que nesta lexislatura poñerán o foco no sector primario e na industria. Entende que é necesario "un gran pacto pola industria e a creación de emprego de calidade". Por outra banda, destaca o "compromiso claro do PP co estado de dereito e a igualdade entre todos", polo que, di, será unha prioridade nesta lexislatura. 

Cuestionado sobre as negociacións para elixir os novos altos cargos da Unión Europea, Millán Mon defende a proposta do Partido Popular Europeo de que os cinco anos de mandato do Consello Europeo se repartan á metade entre eles e os socialdemócratas. Entende que é "o lóxico" despois de obter 190 deputados e dada a relevancia do consello europeo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade