Freixanes: "O dominio de Xohán Cabana da palabra e a capacidade para transmitir era extraordinaria"
Freixanes: "O dominio de Xohán Cabana da palabra e a capacidade para transmitir era extraordinaria"
O presidente da Real Academia Galega sinala o mérito de quen "entendía a lingua desde o máis profundo"
O pesidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, confirmou na Radio Galega a noticia do pasamento de Darío Xohán Cabana, do que destacou "a forza que tiña a súa palabra".
"Pode parecer esaxeración, cando falece un autor ou autora poñémonos todos a dicir que era magnífico, pero Darío Xohán Cabana era un clásico vivo", asegurou Freixanes.
"Aquelas persoas que aman a literatura e a poesía, e a lingua galega, saben da transcendencia e da forza que tiña a súa palabra e a súa capacidade de comunicación e evocación", afirmou.
Para Víctor Freixanes, Xohán Cabana destacaba por enriba de todas as cousas por ser un autor que facía xirar a súa obra arredor do verbo, a expresión, a voz, a palabra.
"Eu tiven a honra de ser o editor dalgunha das súas obras e o seu dominio da palabra, a súa capacidade para transmitir emoción a través da lingua e do verso era extraordinaria", asegurou.
"É unha perda moi grande para os que fomos os seus amigos", dixo Freixanes, mentres falaba de que tiña diante del un exemplar de 'Romanceiro da Terra Chá", que é un dos seus primeiros libros, que publicou con Xosé María Álvarez Blázquez.
Xohán Cabana levaba tempo enfermo. "Pouco a pouco foise apagando", asegura o presidente da Real Academia. Aos actos de homenaxe de Xela Arias polo Día das Letras Galegas xa non puido asistir, "pero mandou un texto moi bonito que leu Marilar Aleixandre. El tratou a Xela, tiña unha grande admiración por ela. Traballaran xuntos. Tiñan unha relación moi estreita. Ela era das que comprendía a forza e o mérito dun home que entendía a lingua desde o máis profundo".
"A súa dimensión como tradutor era esa", concluíu Freixanes. Agora estaba repasando a tradución da 'Divina Comedia', de Dante. Dicía: 'Teño que escribir como escribiría el se escribise en galego'".