Galicia e Portugal estreitan a cooperación para ampliar o acceso de pacientes a radiofármacos
Galicia e Portugal estreitan a cooperación para ampliar o acceso de pacientes a radiofármacos
Santiago conta cun dos tres centros públicos de produción que hai en España e que este martes visitou unha delegación portuguesa
Galicia e Portugal queren cooperar na produción e distribución de radiofármacos, medicamentos que son indispensables para abordar determinados tipos de cancro. Santiago conta cun dos tres centros públicos de produción que hai en España, e o único que distribúe a outros hospitais. O propósito desta colaboración con Portugal é mellorar o acceso dos pacientes a este tipo de terapias avanzadas.
Por seguridade nuclear, resulta moi excepcional poder entrar e ver un ciclotrón, e máis con cámaras de televisión. O de Santiago, que abriu a porta a visita dos membros da rede Gallaecia PET, fabrica radiofármacos para toda Galicia. En Portugal é o acelerador de Coímbra o que fabrica estas terapias para todo o país.
"Son un tipo de medicamentos que van marcados cun isótopo radioactivo. Inxéctaselle ao paciente e o radiofármaco fíxase a unha parte, por exemplo a un tumor. Queda alí un anaco de tempo, e emite enerxía que despois se ve nas cámaras PET e iso permite localizar o tumor", explica Santiago Medín Director, o técnico da Unidade de Radiofármacos-PET de Galicia.
Do centro de produción de radiofármacos de Galicia saíron o ano pasado trece mil doses de dous tipos: un, máis xenérico que se usa en varios tipos de cancro; e outro, específico para cancro de próstata. Trasládanse mañá e tarde a cinco hospitais galegos.
"As últimas incorporacións foron ao HULA en decembro de 2023 e no CHUO teñen unidade PET-TAC desde esta primavera", di Xosé Ramón Parada, o xerente do Sergas.
"Nunha eurorrexión tan pequena como a nosa, Galicia-Norte de Portugal, hai grupos moi importantes que desenvolven equipamentos e servizos de imaxe PET. Temos capacidades moi complementarias en moitos ámbitos e neste primeiro ano demostramos que somos quen de levar adiante proxectos moi importantes", argumenta Pablo Aguiar, que é investigador do CIMUS e promotor da rede Gallaecia-PET.
O que se buscan na segunda xornada de traballo da rede Gallaecia-PET é ampliar a carteira de tratamentos que se ofrecen aos pacientes e mellorar a investigación aos dous lados da raia.