Galicia agarda unha colleita de mel irregular, pero mellor ca a do ano pasado
Galicia agarda unha colleita de mel irregular, pero mellor ca a do ano pasado
O tempo axudou ás floracións do interior, pero prexudicou a do eucalipto na costa
A presenza de velutina diminúe, despois de dous anos de moita presión
Os apicultores de zonas de interior como David, recuperan certo optimismo. Despois de dous anos de moi baixas producións, as expectativas de colleita melloran.
"O breixo non xeou este ano e collemos mel, e despois as floracións do castiñeiro e a silva viñeron mellor ca o ano pasado", explica David Liñares González, de apicultura Mel de Liñares, Lalín.
A outra cara da moeda está no litoral, onde a auga da primavera deixou as abellas sen a flor do eucalipto.
"Nas zonas de costa a floración que predomina é a do eucalipto e a chuvia primaveral fixo que fallara e que as abellas non puideran aproveitala", engade María de Diego Roldán, secretaria da IXP Mel de Galicia.
O que si notan tanto na montaña coma no litoral é un alivio no ataque das avespas velutinas. Na alvariza de David, en plena serra do Candán, practicamente non as vemos este ano. Di que as trampas de raíñas axudaron, pero o principal aliado foi o tempo.
"O ano pasado había moitísima velutina e agora non. Este ano as chuvias, que foron de febreiro ata maio, mataron as raíñas xa nos niños primarios, foi o tempo o que fixo a limpa", di o apicultor.
Unha recuperación da produción que agardan se note tamén nas vendas e no consumo deste produto artesán, distinguido no mercado co selo da IXP Mel de Galicia.
"Facemos un chamamento para que a xente se fixe ben nos botes cando compre, que mire de onde vén o mel, e que busque a nosa contraetiqueta para ter a garantía dos controis de calidade e orixe do produto certificado", di a secretaria da IXP Mel de Galicia.
A esmelga comezou en xuño e rematará en outubro. Será entón cando haxa datos oficiais da produción e as abellas pasen a hibernar despois do intenso traballo dos últimos meses.