Galicia busca captar fondos europeos para novos proxectos do polo aeroespacial
Galicia busca captar fondos europeos para novos proxectos do polo aeroespacial
O vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, dixo que a colaboración de Boeing está a ser imprescindible para consolidar tecnoloxía e tamén talento
A Xunta espera captar fondos europeos para seguir impulsando o Polo Aeroespacial de Galicia e o uso de vehículos aéreos non tripulados para novos servizos como a loita contra os incendios ou a atención sanitaria.
O vicepresidente primeiro, Francisco Conde, explicoulle este compromiso a un dos socios estratéxicos deste sector, a compañía Boeing, nun encontro que mantiveron para analizar o seu marco de colaboración.
Conde agradeceu os proxectos que desenvolve Boeing dende o ano 2019, como un dos socios tecnolóxicos. E agarda que os fondos Netx Generation sirvan para afianzar esa colaboración.
Outras iniciativas
Neste momento están en marcha outras iniciativas como a aula Newton na Tecnópole, ou a colaboración que manteñen coa Escola de Enxeñeiros Aeronáuticos da Universidade de Vigo.
O vicepresidente primeiro apuntou que “Boeing é especialista no ámbito global para garantir a xestión de tráfico de avións tripulados e non tripulados” e hai “unha oportunidade para que siga traballando en Galicia neste tipo de proxectos”.
Conde incidiu en “que a súa colaboración está a ser imprescindible precisamente para consolidar tecnoloxía e para consolidar talento”, así como para seguir colaborando con pequenas e medianas empresas e centros tecnolóxicos galegos.