Galicia lidera en ciencias, aínda que empeora os seus resultados no informe PISA

Galicia está á cabeza en ciencias pero rexistra peores resultados en matemáticas e lectura

España rexistrou o seu peor resultado histórico en matemáticas

Os resultados españois no informe son similares aos da media da OCDE, que empeora todos os seus datos tras a pandemia

G24.gal 05/12/2023 11:38 Última actualización 05/12/2023 20:20

O informe de Programa para a Avaliación Integral de Alumnos (PISA) 2022 que elabora cada tres anos a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) revelou que Galicia empeora os seus resultados respecto ás edicións de 2012 e de 2018, aínda que se mantén na metade da clasificación nacional en matemáticas e en lectura e se sitúa á cabeza en ciencias.

Deste xeito, os alumnos galegos obtiveron 486 puntos en matemáticas, 12 puntos menos que en 2018. En lectura sucedeu algo similar, con 485 puntos, trece menos que en 2012. Por outra banda, en ciencias, Galicia perde seis puntos respecto a 2012, sen embargo está á cabeza de España con 509, xunto con Castela e León.

Por sexo, as alumnas galegas rexistraron mellores resultados que os mozos en matemáticas e ciencias, sen embargo en lectura son os alumnos os que obteñen mellor puntuación que as alumnas.

Nas tres disciplinas, tanto os alumnos como as alumnas galegas están por encima da media tanto de España como dos países da OCDE e da UE.

España, peor resultado histórico en matemáticas

O informe PISA recolle que os alumnos españois obtiveron o seu peor resultado da historia en matemáticas na edición de 2022 e empeoraron tamén os seus resultados en lectura respecto ao 2018, aínda que melloraron en ciencias.

O Informe PISA, en que España participou por primeira vez no ano 2000, avalía os coñecementos e habilidades dos estudantes de matemáticas, lectura e ciencias, o cal proporciona información sobre como están a preparar os sistemas educativos aos estudantes para desafíos reais e o éxito no futuro.

En 2022, realizaron esta avaliación uns 690.000 estudantes, que representaban 29 millóns de estudantes de quince anos nas escolas dos 81 países participantes. En España participaron 30.800 estudantes en 966 colexios representando a 459.000 estudantes españois de quince anos.

O informe revela que en matemáticas os estudantes españois obtiveron 473 puntos, oito menos que na anterior edición. En lectura os alumnos españois conseguiron 474 puntos, o cal supón un descenso de tres puntos respecto a 2018. Con todo, o informe recolle mellores datos en ciencias, 485 puntos, dou máis que na última edición, en que obtivo o seu peor resultado histórico. 

Os resultados de España no Informe PISA 2022 son similares aos da media da OCDE, xa que a media dos resultados de todos os países examinados é de 472 en matemáticas (quince puntos menos respecto a 2018); 476 en lectura (dez puntos menos respecto a 2018) e 485 en ciencias (dous puntos menos respecto a 2018).

O estudo tamén revela as diferenzas de xénero no rendemento dos alumnos. Precisamente, detalla que en España os mozos superaron ás mozas en matemáticas por dez puntos, mentres que elas os superaron en lectura por 25 puntos.

O informe da OCDE establece seis niveles segundo o rendemento dos estudantes. Así, nos niveis 5 e 6 están os estudantes con altas capacidades; nos niveis 3 e 4, os estudantes con capacidades moderadas; no nivel 2, os estudantes con capacidades básicas; e no nivel 1, os estudantes con baixo rendemento escolar.

O 73 % dos estudantes españois, con competencias básicas

En España, o 73 % dos alumnos alcanzaron como mínimo o nivel 2 de competencia en matemáticas, por riba da media da OCDE (69 %).  O nivel 5 e 6 foi alcanzado en España polo 6 % dos estudantes, tres puntos porcentuais por debaixo da media da OCDE. 

No referido á lectura, o 76 % dos alumnos españois logrou alcanzar o nivel 2 ou superior, dous puntos por debaixo da media. O nivel 5 ou superior foi alcanzado polo 5 % dos estudantes, tamén dous puntos por debaixo da media da OCDE.

Se atendemos a ciencias, o alumno que alcanzou o nivel 2 ou superior é dun 79 %, tres puntos porcentuais máis ca a media da OCDE. No nivel 5 ou 6 España ten o 5 % dos estudantes, sen embargo nestes niveis na media da OCDE é superior (7 %).

En canto aos alumnos cun baixo rendemento (por baixo do nivel 2), España está positivamente por debaixo da media. O 27 % dos alumnos en matemáticas están no nivel 1, o 24 % en lectura e o 21 % ten un baixo rendemento en ciencias.

A proporción entre estudantes con baixo rendemento entre nenos e nenas é similar en matemáticas. En lectura a proporción é maior entre os nenos (29 %) mentres que o 20 % das nenas obtiveron puntuacións por baixo do Nivel 2. En canto aos estudantes destacados, a proporción é maior entre os nenos (7 %) que entre as nenas (4 %) en matemáticas, mentres que en lectura a proporción é maior entre as nenas (6 % das nenas e 4 % dos nenos obtiveron puntuacións no nivel 5 ou 6 en lectura).

Respecto a outros datos, cabe sinalar que os estudantes socioeconomicamente favorecidos superaron aos estudantes desfavorecidos en 86 puntos en matemáticas. Un dato inferior respecto á media entre os dous grupos (93 puntos) nos países da OCDE. Entre 2012 e 2022, a brecha no rendemento en Matemáticas entre o 25 % superior e o 25 % inferior dos estudantes en termos de status socioeconómico mantívose estable en España e na media dos países da OCDE.

Doutra banda, PISA 2022 identifica que a diferenza media en matemáticas no rendemento entre estudantes inmigrantes e non inmigrantes é de 33 puntos a favor dos non inmigrantes. En lectura, a diferenza foi de 32 puntos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade