Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia-Norte de Portugal, máis de 6 millóns de europeos co tren como última fronteira

Galicia-Norte de Portugal, máis de 6 millóns de europeos co tren como última fronteira

A primeira Eurorrexión da Península Ibérica, terceira da historia UE, leva décadas pendente dunha conexión ferroviaria de alta velocidade

15.000 traballadores collen o coche cada día para cruzar a raia porque non existen alternativas de mobilidade sostible

Alejandro Gesto G24.gal 15/03/2024 14:55

Con arredor de 6,3 millóns de habitantes, unha superficie de 51 mil km2 e case 142 mil millóns de PIB, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal supera a unha decena de Estados da UE.

Foi a primeira en constituírse na Península Ibérica, en 2008, e a terceira na historia do proxecto comunitario. Antes, en 1991, creárase a AECT, a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, que formalizou a cooperación entre ambas rexións.

Pero a relación entre os galegos e os portugueses do norte vén de moito antes. Así o explican Xosé Lago e Nuno Almeida. Nestes momentos, subdirector e director, respectivamente, da Eurorrexión.

A Gallaecia romana -con Lucus Augusti (Lugo) e Bracara Augusta (Braga) como capitais-  é a primeira realidade que temos todos en mente.

Case 2 mil anos despois, a Galicia-Norte de Portugal constitúe unha potencia en sectores como o téxtil ou o automobilístico -coa Coruña e o Porto como referentes económicos-.

Porque esa é unha das principais diferenzas da nosa Eurorrexión con respecto ao resto: que a cooperación non se limita á zona fronteiriza, senón que se estende dunha punta a outra do territorio.

As prioridades

Nos últimos anos, houbo unha evolución nas prioridades de Galicia-Norte de Portugal. En palabras de Xosé Lago, "pasouse de investir en cemento ao coñecemento".

Nun primeiro momento, houbo que construír estradas e pontes para cruzar o Miño. Agora o impulso céntrase nos intercambios culturais, científicos e tecnolóxicos.

Na súa última asemblea anual, celebrada recentemente, a Xunta e a Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal aprobaron o plan para este exercicio.

Reedítase a aposta por proxectos como o IACOBUS, un programa de cooperación universitaria con estadías, publicacións científicas e patentes conxuntas.

Tamén a promoción da creación artística a través do Nortear ou a creación dun clúster transfronteirizo de turismo.

Para non perder o tren

Con todo, a principal tarefa pendente mantense no ámbito das infraestruturas: o tren de alta velocidade que vertebre a Eurorrexión.

Hai 15 mil persoas que se ven obrigadas a utilizar o coche a diario para cruzar o Miño e poder ir traballar. Non teñen alternativa de transporte público que sexa práctica e sustentable.

O compromiso da Xunta e o Goberno portugués polo AVE entre Galicia e o Norte de Portugal é firme. As dúbidas están en Madrid.

Cada vez máis periféricos

A adhesión de novos Estados á UE é outro dos retos que afronta Galicia-Norte de Portugal.

Será unha Eurorrexión cada vez máis periférica e cun trato menos preferencial, porque haberá que atender eses países con máis necesidades.

Porén, pode verse como unha oportunidade para utilizar a nosa experiencia en cooperación transfronteiriza e ampliala, mesmo, cara ao mundo hispanofalante e lusófono fóra de Europa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade