Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia pechará o verán con picos de ocupación de ata o 95 %

Galicia pechará o verán con picos de ocupación de ata o 95 %

O nivel medio de ocupación na comunidade foi do 80 %

G24.gal 30/08/2024 17:55 Última actualización 30/08/2024 21:07

O sector turístico galego pechou o verán cun nivel de ocupación do 80 %, que nalgunhas zonas e, en momentos puntuais, chegou a ser do 95 %.

Así se desprende da enquisa realizada pola Agrupación industrial Turismo de Galicia.

A estancia media na Comunidade foi de cinco noites por persoa.

As previsións que manexaba o sector a principio de tempada cumpríronse finalmente, grazas á mellora do tempo no mes de agosto, tras un mes de xullo no que o mal tempo repercutiu en cancelacións e descenderon as reservas de última hora.

Os profesionais do sector destacan tamén o crecemento do turista internacional, que alcanzou unha porcentaxe do 23 %, aínda que o perfil maioritario neste momento segue sendo o do viaxeiro nacional, que representa o 75 % do total.

Este verán o Camiño de Santiago demostrou seguir sendo un dos principais atractivos para visitar Galicia, especialmente para o turista estranxeiro, que provén principalmente dos Estados Unidos, Italia, Alemaña e Portugal; mentres que a nivel nacional as comunidades emisoras principais son Andalucía, Madrid e a Comunidade Valenciana.

Doutra banda, o sector coincide co bo comportamento do turismo rural, especialmente en agosto, mes no que moitos establecementos tiveron unha ocupación do 100 %.

En canto aos prezos, durante o mes de agosto os hoteis de 5 estrelas son os que rexistraron os prezos máis elevados, superando en ocasións os 240 euros; mentres que os hoteis de 4 estrelas alcanzaron prezos máximos de 150 euros por noite.

Os máis baratos, dunha estrela, achegáronse de media aos 70 euros por noite.

Nas pensións de 3 estrelas rexistráronse prezos  de entre 75 e 95 euros, mentres que os custos medios por noite estiveron entre 60 e 75 euros para as pensións de 1 e 2 estrelas.

Por último, nos cámpings o custo por noite rozou os 40 euros; e no caso dos albergues os prezos máis baixos roldaron os 16 euros con picos de ata 76.

En relación ás zonas, os hoteis da cidade da Coruña contaron cunha ocupación do 85 % en xullo e do 92% en agosto, superando os datos do pasado verán, grazas aos eventos e concertos que tiveron lugar en cidade.

O turismo internacional tamén rexistrou un crecemento notable, especialmente o procedente de Francia.

Na Costa da Morte as cifras de ocupación mantivéronse ao redor do 80 %, cun aumento de turistas internacionais, especialmente procedentes de Italia e Corea.

En Santiago de Compostela, as fontes consultadas sinalan un nivel de ocupación superior ao 80 %, ademais dun lixeiro aumento de turistas internacionais, especialmente dos Estados Unidos e Alemaña.

En Ferrol e comarca, a ocupación alcanzou o 80 % en xullo e o 95 % en agosto, motivada por un lixeiro crecemento do mercado internacional grazas ao Camiño Inglés e ao turismo de surf.

En Sanxenxo, as fontes consultadas indican que no mes de agosto practicamente colgaron o cartel por completo e destacaron o crecemento dos turistas internacionais, especialmente os procedentes de Portugal. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade