Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia pide crear unha alianza de rexións pesqueiras para defender a frota ante Bruxelas

Galicia pide crear unha alianza de rexións pesqueiras para defender a frota ante Bruxelas

A conselleira do Mar Rosa Quintana fala de "ameazas" para o sector por parte do Executivo comunitario e apela á "unión de forzas"

EFE 15/03/2023 11:11

A conselleira do Mar Rosa Quintana reclamou este mércores unha alianza forte europea de colaboración entre as distintas rexións con intereses pesqueiros para facer fronte “ás continuas ameazas procedentes de Bruxelas”.

Na súa intervención na inauguración da última xornada de reunións do comité executivo do Consello Consultivo Rexional para as Augas Noroccidentais, que se están celebrando esta semana en Santiago de Compostela, Quintana insistiu na necesidade de apostar “polo equilibrio entre os aspectos ambientais, sociais e económicos” como clave para manter a actividade pesqueira.

"Unión de forzas" fronte a "decisións arbitrarias e inxustificadas"

Apelou á “unión de forzas” para tratar de frear a posta en marcha de normativas por parte da Comisión Europea que pretenden restrinxir nos próximos anos determinadas artes de pesca en augas comunitarias, como o arrastre.

A titular de Mar do Goberno galego lamentou que estas limitacións están a impoñerse mediante “decisións arbitrarias e inxustificadas”, como o veto á pesca de fondo aprobado o ano pasado en 87 áreas de augas comunitarias.

“Decisións incomprensibles que castigan o principal interesado en manter o medio mariño en bo estado: o noso sector pesqueiro”, sostivo Rosa Quintana.

Finalmente, a conselleira puxo en valor que o Consello Consultivo Rexional para as Augas Noroccidentales escollese Galicia para celebrar o evento, vinculado de maneira estreita coa comunidade autónoma ao ter a frota galega presenza en augas comunitarias e por estar á fronte de dous dos seus grupos de traballo o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) do Porto de Celeiro Suso Lourido.

Este organismo reúnese varias veces ao ano para debater, intercambiar opinións e formular propostas que se elaborarán e emitirán baixo a forma de recomendacións e ditames adoptados por consenso como regra xeral e serán enviados á Comisión Europea e aos Estados membros costeiros interesados para a súa toma en consideración. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade