Galicia rexistrou o outono máis cálido e húmido da serie histórica
Galicia rexistrou o outono máis cálido e húmido da serie histórica
O pasado mes de outubro foi o segundo máis chuvioso, despois de 1987
A nosa comunidade rexistrou o outono máis cálido e chuvioso da serie histórica, segundo se recolle no informe climatolóxico de Meteogalicia. Este período estivo marcado por temperaturas elevadas durante os tres meses -setembro, outubro e novembro- pero especialmente en outubro, que foi un mes "extremadamente cálido".
A temperatura media, a partir dos datos rexistrados en 11 estacións meteorolóxicas representativas, foi de 16,4 graos, cunha anomalía de 1,9 graos. A temperatura mínima tivo unha desviación do valor climatolóxico de 2,4 graos e, no caso da temperatura máxima, a anomalía media foi de 1,4 graos.
Os valores máis altos, entre 17,4 e 17,8 graos, rexistráronse no Miño, en Ourense e en Pontevedra, nas Rías Baixas e na contorna do Golfo Ártabro. Pola contra, as temperaturas máis baixas, ao redor dos 10 graos, rexistráronse nas Serras do Eixe e Queixa, o macizo de Manzaneda e en Peña Trevinca.
En canto ás precipitacións, foi un outono extremadamente chuvioso tras rexistrar, nas dezaseis estaciones que compoñen a serie rexional, unha media acumulada de 797 litros por metro cadrado, o que representa un 93 % máis que o establecido no período de referencia. Isto foi debido ás choivas xeneralizadas e persistentes dos meses de outubro -o segundo máis chuvioso de toda a serie histórica, despois de 1987- e novembro, nos que as precipitacións estiveron moi por enriba dos valores climáticos esperados.
As serras litorais setentrionais e as zonas montañosas de Lugo e Ourense rexistraron os valores máis altos de precipitacións, entre 1.350 e 1.600 litros por metro cadrado, mentres que os máis baixos, entre 350 e 500 litros por metro cadrado, corresponden á costa da Mariña e aos vales dos ríos Casaio e Támega.