Galicia ten a prevalencia máis alta de toda España en casos de esclerose múltiple
Galicia ten a prevalencia máis alta de toda España en casos de esclerose múltiple
O hospital Clínico de Santiago recibe a certificación ESCALEM a nivel avanzado de calidade asistencial a pacientes con esclerose múltiple
Realizan a diagnose da enfermidade en menos de 15 días
Arredor de 4.500 persoas padecen esclerose múltiple en Galicia. É unha doenza neurolóxica crónica que afecta ao sistema nervioso central, é dicir, ao cerebro e a medula espiñal. Galicia conta coa prevalencia máis alta de España nesta enfermidade, con oito casos por cada cen mil habitantes.
"Afecta máis a mulleres novas. Adoitan ser tres mulleres a un home en prevalencia. Na causa da enfermidade cursan varias cousas seguro... a primeira delas é unha causa xenética, hai unha causa medioambiental seguro, pero aínda non sabemos cal é", di José María Prieto, xefe de neuroloxía do hospital Clínico de Santiago.
A unidade de esclerose múltiple do hospital Clínico de Santiago obtivo este verán un novo recoñecemento: o certificado ESCALEM a nivel avanzado da Sociedade Española de Calidade Asistencial. É o primeiro centro hospitalario de España en conseguilo.
"O que nos certifica é que nós somos capaces de facer a diagnose da enfermidade en menos de 15 días, que a atención aos doentes é a máis adecuada que se pode dar neste momento no país. Nós diagnosticamos entre 20 e 25 casos novos cada ano", engade.
Nos últimos anos houbo moitos avances nos tratamentos que permitiron mellorar a esperanza e a calidade de vida dos pacientes.
"Pódese controlar con moitos fármacos. Nos últimos anos acadamos que a súa esperanza de vida sexa a mesma que a da poboación sa e que na esperanza funcional, na situación funcional neurolóxica, se gañen case quince anos", destaca o doutor Prieto.
E a investigación non cesa aí. Actualmente na unidade de esclerose múltiple do hospital Clínico Universitario de Santiago están realizando sete ensaios clínicos con diferentes técnicas e fármacos.