Galiforest comeza con récord no número de expositores e de superficie
Galiforest comeza con récord no número de expositores e de superficie
A feira acolle 371 firmas expositoras e máis de 180 demostracións de maquinaria
No certame anuncian os gañadores do Concurso de Innovación Tecnolóxica
O son da maquinaria acompaña os participantes na feira Galiforest. As últimas tecnoloxías para os traballos no monte están presentes neste certame, que celebra a súa maior edición.
"Arrancamos con récord de expositores e metros cadrados e convertémonos na feira número un da maquinaria forestal de España. Moi contentos de saír da pandemia fortalecidos, co apoio do sector e con moitas ganas de empezar", salienta Ricardo José Durán Rodríguez, director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia.
A feira acolle demostracións, xornadas e concursos
Os expositores están nunha superficie de case 14.000 metros cadrados da localidade de Sergude, en Boqueixón. Aquí tamén se celebran xornadas técnicas e o Concurso de Innovación Tecnolóxica.
"É un sector que evoluciona tremendamente. Temos moitísimas novidades e preténdese facer un recoñecemento da posta en valor deses desenvolvementos", di Patricia González Pereiró, xerente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.
Galicia produce máis da metade da madeira de España
Galiforest é un centro de negocio e un escaparate do sector, moi importante en Galicia. De feito, de aquí sae máis da metade da madeira que se produce en toda España.
"Un sector activo, con futuro, que ten moitas firmas das que nos sentimos orgullosos en Galicia e, sobre todo, queremos seguir á vangarda do sector", asegura Diego Calvo, vicepresidente segundo da Xunta de Galicia.
Con este desexo quedou inaugurada a feira, que aínda ten moitas actividades por diante. O son de Galiforest seguirá animando Sergude ata o sábado, o día da clausura.