Galiverso: o proxecto de realidade virtual que conecta os once museos xestionados pola Xunta
Galiverso: o proxecto de realidade virtual que conecta os once museos xestionados pola Xunta
Poderá visitarse a partir do martes, de balde, na Cidade da Cultura
A Cidade da Cultura presentou este luns unha nova opción do Galiverso, o proxecto de realidade virtual impulsado pola Xunta de Galicia, para conectar cos 11 centros que forman parte da Rede de Museos xestionados polo Goberno galego.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, participou esta mañá na presentación deste novo Galiverso dous Museos, que poderá visitarse a partir do martes, de balde, na Cidade da Cultura.
Destacou o potencial deste proxecto que une arte e tecnoloxía para construír experiencias educativas e de lecer singulares coas que descubrir o patrimonio galego, e que visitaron xa máis de 18.000 persoas.
Nesta quinta montaxe, o Galiverso dous Museos permite achegarse á colección artística, etnográfica e arqueolóxica conservada nos museos públicos galegos.
Para construílo dixitalizáronse cunha alta precisión ata 27 obras de arte, restos arqueolóxicos e obxectos únicos que as persoas visitantes poderán ademais coller coas súas mans virtuais para observalas en detalle.
Entre elas, atópanse algunhas das pezas máis significativas de cada centro, como a escultura do cabaleiro de Beade conservada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ou o astrolabio máis antigo atopado nas costas de Galicia, que conserva o Museo do Mar en Vigo.
As lentes de realidade virtual brindan a sensación de estar dentro de cada museo, permiten entrar nas pallozas do Conxunto Etnográfico do Cebreiro e mesmo mergullarse na paisaxe pintada por Urbano Lugrís no cadro 'Mariña surrealista', que se exhibe no Museo de Belas Artes da Coruña.
Como novidade, o Galiverso dos Museos incorpora a característica da "persistencia" no mundo virtual, de maneira que cada obxecto quedará no mesmo lugar e posición no que o deixou o visitante anterior.
O Galiverso dos Museos pode visitarse de martes a domingo, reservando praza de maneira gratuíta no Museo Centro Gaiás ou a través de Ataquilla.