Gardacostas de Galicia vai actualizar as tarifas que cobra por determinados servizos
Gardacostas de Galicia vai actualizar as tarifas que cobra por determinados servizos
No que vai de ano, o Servizo de Gardacostas de Galicia fixo 57 actuacións de salvamento
O borrador do decreto prevé que se repercutan os custos en casos de actuacións contra a contaminación mariña ou na asistencia de embarcacións que cometeran imprudencias
No que vai de ano, o Servizo de Gardacostas de Galicia fixo 57 actuacións de salvamento. Unha das últimas foi o rescate dun turista que estaba a ser arrastrado pola corrente nunha praia de Ribadeo na que non había socorristas. O descoñecemento das mareas e o feito de non atender os sinais de perigo provocou no que vai de ano 46 mortes por afogamento.
“Moitas veces a xente descoñece o réxime de mareas, o réxime de ventos. Parécelles que están na praia tranquilamente, afástanse un pouco e os ventos dominantes vante levando mar a dentro”, explica Lino Sexto, subdirector xeral de Gardacostas
Para os casos nos que non haxa vidas en risco, Gardacostas prepara un decreto para actualizar as tarifas que cobra polo seus servizos, cando se teñen que activar debido a unha imprudencia. Por exemplo, para remolcar embarcacións.
“O salvamento da vida humana no mar está exento sempre de calquera tipo de cobro. Por unha imprudencia ou por unha mala praxe hai xente que queda sen combustible ou vai por zonas por onde non se pode meter, pois hai que mirar de pasarlles unha parte dos custos que ten o servizo. Por hora de helicóptero, 11.200 euros; por embarcación de máis de 20 metros, 750 euros por hora, e por embarcacións de menos de 20 metros, 300 euros por hora”, explica Lino Sexto, subdirector xeral de Gardacostas.
O decreto da Consellería do Mar que establece estas tarifas pola prestación de servizos de Gardacostas estará en exposición pública ata finais do mes de agosto.