González Rivas opera unha muller con cancro de pulmón desafiuzada no Perú
González Rivas opera unha muller con cancro de pulmón desafiuzada no Perú
A muller xa foi operada dúas veces no Perú, pero non lle extirparon o tumor
A intervención, de balde, é a primeira que fai a fundación creada polo cirurxián coruñés
O cirurxián galego Diego González Rivas opera esta tarde, na Coruña, unha muller peruana, de 27 anos, que xa foi intervida sen éxito dúas veces de cancro de pulmón. Coñecido pola súa técnica minimamente invasiva, confía en poder salvar esta doente, malia que a intervención é moi complicada.
Malia que a situación é moi complicada, o cirurxián Diego González confía en poder salvala, e a ser posible a través dunha única e pequena incisión.
"Ela xa ten dúas operacións abertas moi agresivas en que non lle quitaron o tumor.
A idea é intentar aplicar a nosa técnica, pero non estamos seguros de que poida ser posible pola complexidade do caso. Pensamos que si, xa tivemos casos máis complexos con esta técnica uniportal, sen ter que abrir. Contamos con que vai ser unha recuperación rápida, pero temos que quitar o resto do pulmón, ela vai quedar sen pulmón esquerdo", explica González Rivas.
González Rivas e o hospital San Rafael atenden de xeito altruísta esta muller, que se puxo en contacto co cirurxián coruñés a través das redes sociais.
"Moi amablemente respondeume de inmediato. Comunicouse comigo, mandeille todo o meu historial clínico. Grazas á súa fundación eu vou lograr o que no meu país xa non se puido", di, agradecida, a muller.
Diego González Rivas creou a fundación que leva o seu nome para ir traballar onde o necesiten.
"Naceu coa idea de crear unha unidade móbil para desprazarnos a países máis desfavorecidos como África, e poder operar alí coa cirurxía minimamente invasiva a pacientes que non terían opción de ser operados desta maneira", explica o doutor.
Inicialmente cuestionado, González Rivas está agora a ensinar a súa técnica por todo o mundo.