Publicador de contidos

Publicador de contidos

Gonzalo Caballero desmárcase do congreso do PSdeG, que ve "errado" e "inútil"

Gonzalo Caballero desmárcase do congreso do PSdeG, que ve "errado" e "inútil"

Cre que "xorde teledirixido por Ferraz, perpetúa as baronías e prioriza o sectarismo sobre proxecto"

O exsecretario xeral do PSdeG asegura tamén que "continúa na senda de Formoso e Besteiro de caídas electorais"

G24.gal 06/03/2025 17:06

O exsecretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, anunciou este xoves que non participará no XV congreso que os socialistas galegos celebrarán esta fin de semana debido a que rexeita “ser cómplice” dun conclave “errado” e “inútil para a esquerda”.

Nun comunicado, Caballero, que liderou o partido entre 2017 e 2021, criticou a organización deste congreso que referendará a José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral, dado que na súa opinión trátase dun conclave “teledirixido por Ferraz” para dar “continuidade” a unha situación “agónica” para o partido en Galicia.

Respecto diso, reprochou que este congreso non sirva para marcar “nin novo rumbo, nin novo líder, nin nada novo relevante para endereitar o proxecto” a pesar de que, na súa opinión, “sen cambio”, o partido “seguirá na irrelevancia”.

 

Caballero fixo referencia aos malos resultados electorais dos últimos comicios e aos problemas que acurralan ao PSdeG a nivel local “coas expulsións en Santiago, en Narón e ao alcalde do Carballiño, entre outras”, e puxo o foco na pouca participación que marcou o proceso congresual.

Segundo expuxo, “este congreso representa a menos do 10 % da militancia”, tendo en conta que as asembleas locais previas estiveron “desérticas” ante o que Caballero cuestiona cal é a esperanza do partido se esta cita “non mobiliza nin ás bases”.

Considera que esta falta de participación na organización do congreso débese a que a estratexia e o discurso oficialistas non son “realistas”, senón que se basean nun “equilibrio de intereses” das principais baronías socialistas de Galicia.

Fronte a iso, Caballero asegurou que el quere “un PSdeG vivo, forte e democrático para unha Galicia mellor”, dixo á vez que lembrou que con el á fronte da organización, o PSdeG creceu “en todas as eleccións”. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade