Gonzalo Caballero: "Fun elixido polos galegos para estar no Parlamento"
Gonzalo Caballero: "Fun elixido polos galegos para estar no Parlamento"
"Valentín ten todo o noso apoio como novo secretario xeral", di Caballero
Gonzalo Caballero, voceiro parlamentario do PSdeG e secretario xeral saínte, volveu manifestar este xoves que a súa intención é continuar no grupo parlamentario, aínda que haberá tempo para ver en que cargo.
"Fun elixido polos galegos para estar no Parlamento", respondeu Caballero á pregunta sobre se pensa deixar o escano tras perder as eleccións primarias contra Valentín González Formoso, que precisamente hoxe acudiu a comparecer á comisión terceira como presidente da Deputación da Coruña.
Caballero reiterou que os galegos seguirán contando coa súa "voz no Parlamento e a militancia do PSdeG seguirá contando sempre co meu compromiso por un partido forte" porque, "desde logo, ser parlamentario e facer oposición ás políticas da dereita é un compromiso e é un deber".
"Ese vai ser o meu compromiso ao longo da lexislatura" que conclúe en 2024, polo que seguirá "cumprindo coas obrigacións" que lle encomendaron os galegos nas pasadas eleccións autonómicas, insistiu.
"Valentín ten todo o noso apoio"
Tamén comprometeu "lealdade" co novo líder do partido. "Valentín ten todo o noso apoio como novo secretario xeral", insistiu, polo que emprazou a dar "tempo" para coñecer as decisións que determine cando tome posesión do cargo no congreso que o partido terá en decembro.
Sobre o seu caso persoal, Caballero lembrou que dentro do partido xa pasou "por peores etapas" e por "travesías no deserto", polo que xa ten "resiliencia".