O alcalde de Vilanova sobre o ataque á súa casa: "Temos varias pistas para seguir"
O alcalde de Vilanova sobre o ataque á súa casa: "Temos varias pistas para seguir"
Gonzalo Durán asegura que a difusión das imaxes da parella que tentou incendiar a súa vivenda está a dar resultado
Tras o arquivo da causa, contratou un gabinete criminolóxico para tentar dar coas persoas responsables
O alcalde de Vilanova asegura que a difusión das imaxes da parella que lanzou un artefacto incendiario contra a súa casa en setembro de 2021 está a dar resultado. Segundo Gonzalo Durán, "xa temos varias pistas para seguir" e "agardamos recibir moitas máis".
Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, explica que tomou a decisión de espallar a gravación a través das redes cando tivo coñecemento do arquivo da causa.
"Estiven agardando ano e pico e cando souben que as forzas de seguridade arquivaran a causa contratei un gabinete criminolóxico e fixen públicas as imaxes para tentar descubrir as persoas que, máis dunha vez, tentaron danar a miña familia, os meus bens e, nese mesmo intre, poñer en perigo outras persoas (...). É un perigo público esa xente e os delincuentes hai que collelos."
O rexedor sospeita que unha das persoas gravadas podería ser tamén responsable do ataque ao seu coche da semana pasada.
"Eu teño clara a morfoloxía da xente dos vídeos do ataque a miña casa. Doutro vin un anaco de vídeo (...). Pareceume que, pola morfoloxía, a estatura, a corpulencia, o varón era o mesmo", subliña.
Gonzalo Durán amósase convencido de que os ataques teñen unha motivación municipal porque "non hai cousa de familia". Entende que se trata de xente que non acepta o xogo democrático nin os resultados electorais.
"Levan anos cunha dinámica de tensión e de tentar esnaquizar a convivencia democrática (...). Non podemos ter entre nós dúas persoas así en liberdade".
Considera que son persoas perigosas para a sociedade porque poden actuar do mesmo xeito noutras circunstancias e, por iso, "temos que facer todo o posible para poñelas en mans da xustiza", conclúe.