Goretti Sanmartín perfílase como a primeira alcaldesa de Santiago do BNG
Goretti Sanmartín perfílase como a primeira alcaldesa de Santiago do BNG
Sorpasso do BNG: Sanmartín perfílase como líder dun tripartito en Compostela
Borja Verea fai subir o PP pero queda a dous concelleiros da maioría absoluta
O actual alcalde, Sánchez Bugallo, renunciará á acta e deixará a corporación
O BNG foi a sorpresa da xornada electoral na capital de Galicia, case triplicando os seus resultados e perfilando a súa candidata Goretti Sanmartín como alcadesa de Santiago de Compostela, de consolidarse a coalición das esquerdas. O sorpasso confirmouse.
Goretti Sanmartín, candidata do BNG á alcaldía de Santiago: "Dixemos que fariamos historia. A poboación falou, veciñas e veciños de Copmostela falaron, e dixeron ben claro que querían ter por primeira vez unha alcadesa na capital de Galiza, si señoras!".
O PSdeG empata a concelleiros cos nacionalistas. Quedou con seis actas e perdeu uns oito mil sufraxios con respecto aos anteriores comicios. Sánchez Bugallo, que liderou cinco gobernos municipais, vaise.
Xosé Sánchez Bugallo, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Santiago: "A miña intención é non tomar posesión na nova corporación. Espero que a maioría progresista que queda claramente consolidada e recoñecida se reflicta nun goberno progresista para Santiago".
A forza máis votada en Santiago é o Partido Popular. Os de Borja Verea conseguiron 11 dos 25 concelleiros da corporación. Faltáronlle dous para a maioría absoluta.
Borja Verea, candidato do PP á alcaldía de Santiago: "Eu quero gobernar a cidade a partir do 17 de xuño e pido ao resto de forzas políticas que non leven Compostela a un tripartito de perdedores".
O terceiro pé da coalición sería Compostela Aberta, que obtivo dúas actas, tres menos que nas municipais de 2019. María Rozas amosou a súa predisposición a facer alcaldesa a Goretti Sanmartín, afirmando na noite electoral que non van permitir un goberno do PP.