Guanyarr, un fillo do 'Galicia en goles' moi deportivista
Guanyarr, un fillo do 'Galicia en goles' moi deportivista
O santiagués é un dos streamers máis populares dos últimos tempos
A partir da pandemia empezou a facerse coñecido. Marchou a Madrid, vive nunha mansión con máis profesionais relacionados co mundo dos deportes electrónicos. Pero nunca perdeu a súa relación con Galicia. Tampouco o seu galego e o seu vencello por exemplo co Colexio de La Salle, onde estudou, ao que ten pensado volver e falar cos seus profesores. Posa coa camisola do seu Deportivo, sempre representándoo en todo tipo de eventos que hai por Internet. E fala connosco coa ilusión de alguén que medrou escoitando os goles na sintonía da Radio Galega.
Así é Diego Iglesias, coñecido por todo o mundo como Guanyarr, un dos streamers máis populares no panorama de creadores de contido no Estado, que hoxe pasou pola sección de deportes electrónicos do #GaliciaEnXogo.
Con el falamos dos seus proxectos pasados, presentes e futuros. Por exemplo, o partidazo de Youtubers en que marcou de panenka representando a España. Da seria 21 días de carácter benéfico. Tamén do mundo da creación de contido para un club profesional como é Team Heretics, da modalidade IRL (In Real Life) nos streams, ou de se confía no ascenso do seu Deportivo.