Haberá folga en Ryanair todas as semanas de luns a xoves desde o 8 de agosto ata o 7 de xaneiro
Haberá folga en Ryanair todas as semanas de luns a xoves desde o 8 de agosto ata o 7 de xaneiro
Os tripulantes de cabina convocan cinco meses de paro ata xaneiro do vindeiro ano 2023
Este mércores, nove voos xa foron cancelados e 42 sufriron atrasos en España
Un voo saíu con atraso desde Santiago de Compostela
A folga da aeroliña Ryanair vai continuar. Os tripulantes de cabina convocan cinco meses de paro ata xaneiro do vindeiro ano 2023.
Haberá folga todas as semanas de luns a xoves dende o 8 de agosto ata o 7 de xaneiro. Os voos que dende Galicia poderían verse afectados son os que ten Ryanair dende Santiago con 15 destinos nacionais e con 6 países europeos. Dende o aeroporto de Vigo o enlace da aeroliña con Barcelona tamén podería sufrir as consecuencias dos paros.
Destinos de Ryanair en Galicia
Ryanair, desde Santiago, amais dos destinos cara España, voa a Alemaña, Bélxica, Francia, Irlanda, Italia e o Reino Unido.
Desde Vigo, Ryanair voa a Barcelona.
Nove voos foron cancelados este mércores e 42 sufriron atrasos, un deles desde Santiago de Compostela
Nove voos foron cancelados este mércores e 42 sufriron atrasos -un deles desde Santiago de Compostela- na terceira xornada das catro ás que están convocados esta semana en España os tripulantes de cabina de pasaxeiros en Ryanair polos sindicatos USO e Sictpla.
Segundo informou USO, ata as 9:00, tres dos nove voos suspendidos tiñan saída no aeroporto de Barcelona-O Prat, outros tres chegaban á Cidade Condal, un realizaba o traxecto Madrid-Palma de Mallorca, Palma de Mallorca-Madrid e outro Dusseldorf-Málaga.
Tamén se suspenderon saídas desde Milán, Bruxelas e Londres con destino Barcelona. Os atrasos afectaron en maior medida Barcelona -10 voos de saída ou chegada demorados-, Madrid-Baraxas e Málaga -8 en cada aeroporto- e Palma de Mallorca -5 atrasados-.
En Sevilla e Valencia saíron ou chegaron con atraso 3 voos en cada aeroporto; en Alacante e Eivisa, 2 en ambos; en Santiago de Compostela, 1, e en Xirona, ningún.
Os tripulantes de cabina de Ryanair están convocados esta semana á última quenda de paros prevista en xullo nos aeroportos españois onde opera a aeroliña irlandesa de baixo custo, tras as xornadas de folga realizadas do 12 ao 15 e do 18 ao 21 deste mes.
Tras consultar ao persoal, os sindicatos comunicaron a ampliación da folga desde o próximo 8 de agosto ata o 7 de xaneiro de 2023, ambos os incluídos.
Teñen previsto realizar paros de 24 horas, de luns a xoves cada semana, ata que se produza o achegamento que esperan da empresa. Os sindicatos esgrimen tres motivos para a convocatoria: aplicación dos mínimos estatutarios da lexislación española en materia laboral e sindical, readmisión inmediata dos 11 traballadores despedidos na folga e paralización de todos os expedientes sancionadores que afectan un cento de persoas.