Publicador de contidos
Publicador de contidos

Habita Rural, o proxecto que ofrece oportunidades de traballo no rural chega a Curtis, Sobrado e Vilasantar

Habita Rural, o proxecto que ofrece oportunidades de traballo no rural chega a Curtis, Sobrado e Vilasantar

Comprométese a dar formación, traballo e vivenda ás persoas migrantes e vulnerables

O obxectivo do programa é tamén revitalizar o rural e poñerlle freo ao despoboamento

As persoas migrantes e en risco de exclusión atopan unha nova vida no rural
G24.gal 09/12/2024 15:06

Habita Rural nace da man da ONG Ecos do Sur para dar solución a dúas problemáticas.

"Por unha banda temos persoas en risco de exclusión residindo nas cidades con dificultades para acceder a un posto de emprego, con dificultades para atopar unha vivenda axeitada, e, por outra banda, temos un rural galego que precisa destas persoas e que ofrece oportunidades laborais que a cidade non ofrece", explica Saray Durán, directora de Ecos do Sur.

Este proxecto empezou no 2020 e, coas cifras na man, xa está dando seus froitos.

"Arredor de medio cento de persoas formadas desde 2021 e ao redor tamén dunha quincena de persoas inseridas en empregos no rural ou no sector de actividade", apunta Brais Pérez, coordinador do proxecto Habita Rural.

Tras o éxito en tres concellos de Lugo, agora Habita Rural chega á provincia da Coruña. Curtis, Sobrado e Vilasantar abren as súas portas a novos veciños. Hoxe os alcaldes falaron de oportunidades laborais, de emprendemento e tamén dos servizos que ofrecen para facilitarlles a vida.

 "Temos capacidade para acoller a xente e tamén temos demanda para que a xente se poida asentar aquí, sobre todo no mundo laboral, e temos tamén oferta. Temos oferta de servizos, que son os axeitados para que a xente se asente aquí", indica Javier Caínzos, alcalde de Curtis.

A clave do éxito está no acompañamento durante todo o proceso das persoas que buscan oportunidades reais de emprego. Pero tamén ten escollos.

"Emprego hai, ganas de vir tamén o que falta é vivenda e transporte, transporte público, son as dúas cousas que nós estamos detectando como máis necesarias agora mesmo", insiste Brais

"A esperanza que nos dá é a xeración de emprego para que veña xente nova e se asente aquí, ese é o futuro e a viabilidade que buscamos e o que queremos facer del", conclúe o alcalde de Curtis.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade