Holanda comeza este domingo 25 días de confinamento total
Holanda comeza este domingo 25 días de confinamento total
Durante o Nadal, nos Países Baixos só funcionarán os servizos esenciais
Holanda, o país europeo máis renuente a tomar medidas duras contra a covid, decretou esta fin de semana o máis estrito dos confinamentos.
O avance da variante ómicron do virus da covid levou o Goberno dos Países Baixos a decretar 25 días de confinamento total, que comezan este domingo e rematan o próximo catorce de xaneiro.
Durante case un mes, nos Países Baixos só poderán funcionar os servizos esenciais
Holanda pecha toda actividade non esencial, e só permitirá dous visitantes por casa ao día, agás en Noiteboa e fin de ano, nas que poderán recibir ata catro invitados.
O primeiro ministro en funcións dos Países Baixos dixo que só permanecerán abertos os supermercados, as farmacias, as gasolineiras e os servizos mínimos esenciais. Todo o demais terá que pechar case un mes, para evitar o posible colapso do sistema sanitario holandés.
O Goberno británico non descarta máis restricións antes do Nadal
Noutros países europeos aínda non hai decisións semellantes. No Reino Unido, con noventa mil contaxios este sábado, o Goberno non descarta máis restricións antes do Nadal. En Francia queren evitar un novo confinamento, e din que o peche das escolas sería o último; polo momento, París suspendeu as festas. En Alemaña, un dos países, xunto con Polonia, onde máis sobe o número de mortos diarios pola covid, as rexións esixen control das fronteiras.
A Comisión Europea podería aprobar este luns unha quinta vacina
A nota positiva neste asunto vén dada polas vacinas. Este domingo, a Comisión Europea acordou con Pfizer a entrega de vinte millóns de doses máis no primeiro trimestre de 2022. E este luns, a Axencia Europea do Medicamento podería autorizar unha quinta vacina, a norteamericana Novavax.