Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Día do Libro saca a literatura á rúa con actividades por todo o país

O Día do Libro saca a literatura á rúa con actividades por todo o país

G24.gal 23/04/2024 14:30

O 23 de abril celébrase o Día do Libro. Nestes tempos de máxima inmediatez, de tempo xusto para case todo, é necesario reivindicar o vello hábito de sentar cunha boa lectura entre mans e evadirse do resto. E semella que na xornada de hoxe todo é máis sinxelo.

As librarías saen ás rúas, os libros están máis preto do que acostuman e, como comentan moitos dos que hoxe se achegan ata aquí, resulta difícil non volver á casa cunha nova adquisición. Os descontos son un aliciente, pero axuda sobre todo a proximidade.

O Día do Libro trae consigo ademais unha chea de actividades, tamén concursos, xogos e música para os cativos. Pero sobre todo a oportunidade de adentrarse no moito que ten que ofrecer a literatura. 

Neste 23 de abril as librarías toman as rúas.

"Hai moita afluencia de público, cada vez a xente está máis concienciada de comprar o 23 de abril. Case non é preciso recomendar, a xente xa ven a tiro fixo a buscar o último dese autor que acaba de saír e os nenos infantil, que é o que máis se vende", explica José Manuel Mosquera, presidente dos Libreiros de Ourense. 

Así que preguntando, que libros busca a xente en días coma o de hoxe? "Eu xa lle botei o ollo a un: 'El niño', de Fernando Aramburu"; "É en galego, chámase 'Xela, a superheroína da aldea'; "Chámase 'Julia', é unha adaptación de '1984' de Orwell, outra distopía".

O certo é que poucos se resisten a botar un ollo.

"É unha forma bonita de descubrir formas de ocio que non coñeces porque hai moita xente que igual non entra nas librarías e si que para nas feiras a botar un ollo", di Begoña Ibáñez, da Libraría Eixo. 

Saen os títulos máis coñecidos para o público adulto, pero tamén os de literatura infantil e xuvenil. Por iso hoxe aquí non faltan as actividades para os cativos. Pensadas para achegalos á literatura. 

Pero as actividades polo Día do Libro chegan hoxe a moitos outros lugares. Tamén ao hospital de Ourense, onde os libreiros tamén quixeron celebrar este día de xeito simbólico cos pacientes. 

Galicia é a segunda comunidade de España con máis librarías por cada cen mil habitantes. As vendas medraron aquí nos últimos dous anos arredor dun nove por cento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade