Fai 30 anos da liberación da farmacéutica de Olot
Fai 30 anos da liberación da farmacéutica de Olot
Foi o secuestro da delincuencia común máis longo da historia de España
Hoxe fai trinta anos da liberación da farmacéutica de Olot, que viviu o secuestro non terrorista máis longo da historia de España. Retivérona 492 días nun zulo tan pequeno que non podía nin poñerse de pé, sen luz, e cun cubo para facer as súas necesidades.
O 27 de marzo de 1994 María Angels Feliu podía abrazarse aos seus despois de permanecer secuestrada case 500 días en condicións inhumanas. Nun espazo moi reducido e húmido no que non se podía poñer de pé, nin tumbarse estirada. Cun caldeiro para as necesidades e un altofalante co que se comunicaban os secuestradores. Mesmo pasou as 24 horas a escuras os primeiros meses. "A luz non ma puxeron ata marzo do 93. Sen tocar as paredes, defecando nun cubo e sen tocar a porta nin o altofalante".
Facendo gala dunha gran fortaleza mental e física, Maria Angels Feliu superou case ano e medio de cativerio. Nada máis ser liberada, volveu á súa farmacia, na que segue traballando hoxe en día. María Angels Feliu di que ten a vida marcada para sempre. "Queda sempre medo, pero tamén aprendín a valorar cousas ás que antes non daba importancia".
A propia Maria Angels e a súa familia manteñen que nunca pagaron o rescate, e nunca se soubo ben por que un dos seus raptores, o que exercía de carcereiro, decidiu deixala ceibe a madrugada do Domingo de Ramos do 94. Dixo que un dos momentos máis duros foi cando tivo noticia de que a deran por morta.
A investigación foi longa e complicada. Dous policías locais estiveron implicados e enlearon as pistas. Os veciños da pequena localidade onde a tiveron oculta tiñan medo a Ramón Ullastre, o xefe dos secuestradores, polo que ninguén falou dos prantos de muller que escoitaban.
Despois de sete anos de pescudas, a Garda Civil logrou descifrar a trama e deter cinco secuestradores, que recibiron condenas de entre 14 e 22 anos de prisión.