Humidades, lixo e malos cheiros por culpa dun edificio da Sareb abandonado en Lalín
Humidades, lixo e malos cheiros por culpa dun edificio da Sareb abandonado en Lalín
Os veciños da casa lindeira denuncian que é imposible poñerse en contacto ca entidade que se fixo co inmoble cando quebrou a construtora
O edificio construíuse hai máis de15 anos e os donos do terreo aínda non conseguiron que lles paguen a permuta
A crise inmobiliaria do 2008 deixou moitas construcións en punto morto e 15 anos despois boa parte delas seguen igual e van a peor. É o caso dun edificio de Lalín, agora nas mans da Sareb. Os donos das leiras onde se construíu nunca recibiron as vivendas que lles correspondían en pago e ademais padecen os prexuízos de ter que convivir cun edificio abandonado.
Hai 15 anos, en plena expansión urbanística, o que era unha das tantas hortas que había en Lalín de Arriba pasou a ser un soar edificable. Os pisos do edificio número 31 da rúa Nuno Eanes de Cercio estaban practicamente rematados e a piques de ser ocupados. Pero coa creba da construtora na crise do 2008 non chegaron a entregarse e acabaron na Sareb e aí seguen para desesperación da familia de María Jesús Alvarellos, que vive a carón e sofre as consecuencias dos anos de abandono.
"Humidades, cascallos, porquería dos animais, porque aí hai un pombal e todo iso estanos chorreando con malos olores insufribles cando vai calor. Presentamos reclamacións pero nin nos contestan porque o Sareb non da a cara; non sabes nin quen é", explica.
A estes prexuízos do día a día pola falta de mantemento, súmase a reclamación do que corresponde polo pago dos terreos que eran propiedade dos pais de María Jesús e Fernando. Tiñan un acordo de permuta co construtor avalado polo banco que financiou a obra que din que non foi respetado.
"Cando o banco lle embargou ao construtor non se fixo cargo de ningunha responsabilidade. Non nos devolveu os pisos nin nos devolve o terreo. E agora mesmo xa non temos nin saída para reclamarlle ao Sareb nin a Abanca e levamos máis de 15 anos pelexando por isto".
Pese a esgotar as vías legais, Fernando e María Jesús non renuncian a seguir reclamando o que consideran seu.